A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse co alcalde de Oímbra, Alfonso Villarino, co fin de seguir avanzando no Plan Xeral, cuxa aprobación definitiva porá fin ás normas subsidiarias de planeamento vixentes dende 1991.
O encontro, que veu precedido de dúas reunións anteriores e contou coa asistencia dos redactores do PXOM e do equipo técnico de ambas administracións, serviu para constatar que o documento xa alcanzou a recta final da súa tramitación.
De feito o alcalde comunicou que ao dispoñer de todos os informes sectoriais o PXOM xa foi remitido á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para a elaboración da Memoria Ambiental, co fin de proceder axilizar a totalidade do expediente e proceder a aprobación provisional polo Pleno Municipal.
Unha vez superado este trámite o PXOM será remitido á Xunta para a súa Aprobación Definitiva. A secretaría xeral disporá dun prazo de 3 meses para emitir a Orde, período que empeza a contar unha vez que os técnicos autonómicos verifiquen que a totalidade da documentación precisa; expediente administrativo e proxecto de plan urbanístico, está completa.
Encarnación Rivas trasladoulle ao rexedor municipal a máxima colaboración do seu departamento para que o Concello conte cun plan xeral canto antes. Neste senso o Goberno galego, no marco da política de colaboración técnica e financeira cos concellos para a redacción de plans urbanísticos, dotou ao Concello de Oímbra de varias axudas que suman un importe de máis de 100.000 euros.