O rexedor verinés rexeitou que se debatera a moción presentada sobre a supresión dos rexistros civís na asamblea da Mancomunidade de Concellos de Verín, alegando que o ministro de Xustiza xa garantira a gratuidade deste servizo.
O pasado 17 de abril Vicente Gómez, membro da Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Verín, presentou na asemblea da Mancomunidade de Concellos de Verín, a moción acordada pola Plataforma Xudicial, dirixida a reclamar ao Goberno Central o mantemento dos rexistros civís nas Comarcas de Monterrei e Conso Frieiras. Tal solicitude, dirixida á Mancomunidade verinesa, procuraba que os alcaldes da comarca fixesen un pronunciamento público contra a supresión dos citados organismos públicos.
Tras Gómez, interveu o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, propondo que non se tratase o tema dado que, segundo el, o ministro de Xustiza xa confirmara o carácter gratuíto dos rexistros civís e iso era abondo para estar tranquilos.
Pola súa banda, outros alcaldes, a título individual, solicitaron que se lles pasara o texto de dita moción pra tratala nos seus respectivos concellos.
Dende a Plataforma acusan a Morán de actuar como “muro de contención contra as demandas da cidadanía e será el un dos máximos responsables de que a comarca de Monterrei fique sen rexistros civís e os seus veciños teñan que desprazarse a Ourense para poder facer un poder xudicial, solicitar umha fé de vida, etc”.
Así mesmo, este colectivo tamén lembra como o rexedor intentou frear á cidadanía en 2014 para que non acudise á manifestación convocada na comarca en defensa do Partido Xudicial. “Finalmente, ollando a masiva mobilización que se lle viña enriba el mesmo se presentou na protesta”, destacan.
Gratuíto, pero lonxano
De todos os xeitos, aínda que o novo modelo de rexistro civil si sexa gratuíto, como prometeu o ministro, o feito de centralízalo na capital de provincia non libra aos veciños de Monterrei de ter que desplazarse para realizar calquera trámite, que antes se xestionaban no seu propio Concello.
“Os gobernantes municipais deben deixar a un lado, neste momento, os seus intereses políticos e pór por riba deles os da cidadanía, como de feito están a facer moitos alcaldes do propio Partido Popular”, explican dende a Plataforma. “Velaí polo que aínda se entende menos que non o faga Jiménez Morán”, insisten.
Plenos extraordinarios
De seguido, a Plataforma en Defensa do Partido Xudicial de Verín enviará o texto da moción contra a supresión dos rexistros civís na Comarca de Monterrei a todos os Concellos, solicitando a convocatoria de plenos extraordinarios para posicionarse contra a perda deste servizo básico.
E o 23 de abril repartirán información na feira de Verín sobre as consecuencias da centralización en Ourense dos rexistros civís.