Terá lugar este sábado na Igrexa Parroquial ás 17 horas. O diñeiro recadado entre a venda de entradas e as doazóns dos asistentes será destinado a Cáritas Verín.

 

O Concerto de Música Solidaria a prol de Cáritas Verín terá lugar este sábado 25 de abril, ás 17 horas, na Igrexa Parroquial de Verín, e está organizado polo Conservatorio Elemental de Música de Verín, coa colaboración da Fundación Caja Rural de Zamora.

Esta iniciativa ten como obxectivo recadar fondos en favor de Cáritas Verín, a través da adquisición dunha entrada para acceder a este concerto cun prezo simbólico dun euro -que se pode adquirir na propia Igrexa Parroquial desde as 16.30 horas da mesma xornada ou previamente nas igrexas Parroquial e Mercé e en mesas situadas en rúas da localidade-; así como a colocación dunha urna no interior do recinto para efectuar doazóns.

Durante o concerto os músicos participantes interpretarán de autores como Robert Schumann, Gerald Finzi, Mozart, Willis Coggins, Gabriel Fauré, Joaquín Rodrigo, Astor Piazzolla, Carl Höhne ou Bud Coleman, entre outros. “Esta iniciativa é un acto simbólico e significativo”, indicou o párroco verinense, “significativo porque a cantidade aportada incrementará os recursos de Cáritas para axudar ás familias con dificultades, e simbólico xa que conciencia á sociedade de que existe xente con necesidades e así potenciar a solidariedade”.