O Cidade As Burgas e o Ourense Envialia enfróntanse este sábado 2 de maio na cancha central dos Remedios a partir das 17 horas.
Fai unhas semanas este derbi tería moitos alicientes. Incluso con que se disputara unha xornada antes tiña máis, moitos máis. Pero a realidade é que o Cidade xa está clasificado para a Copa de España e o Envialia queda fóra de toda loita por entrar na cita copeira.
A pesar da ausencia de obxectivos, vencer ao veciño xa é un obxectivo en si mesmo.
O Cidade chega coa moral polas nubes trala primeira clasificación na súa historia para a Copa. O Envialia, un pouco máis baixo de ánimo ao non poder acompañalas na cita que terá lugar en Navalcarnero os días 6 e 7 de xuño.
Maila todo, cando salten as xogadoras á cancha central dos Remedios pouco importará o estado anímico e a clasificación. O que é seguro é que brindarán un gran espectáculo a todos os seareiros que se acheguen a presenciar o envite. Franxiverdes e albinegras despregarán toda a súa técnica e táctica para derrocar ao adversario. Como en citas anteriores, espérase a presenza dun milleiro de espectadores.