A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, asinaron o convenio de colaboración entre a Consellería e o Concello de Verín para financiar a redacción do Plan especial de protección e reforma interior do núcleo Histórico e do Barrio de San Lázaro.
En virtude desta colaboración, a Consellería de Medio Ambiente destinará un total de 110.338 euros.
Ambas administracións consideran que o proceso de formación do Plan especial debe realizarse coordinadamente entre estas, a través da colaboración na elaboración do planeamento e coordinación no exercicio das súas competencias respectivas e considerando as especiais circunstancias que concorren na redacción e tramitación do documento, unidas á complexidade de redactar un plan especial.
A conselleira salientou que o Núcleo Antigo de Verín sofre certa degradación motivada polo desprazamento da centralidade urbana e envellecemento da poboación; o patrimonio en proceso de deterioración e deficiencias en infraestruturas urbanas como dotacións, equipamentos e problemas de accesibilidade e mobilidade e a falla de condicións de habitabilidade e de actividade comercial.
O centro histórico, orixe e epicentro da vila, contén os sinais de identidade -as prazas, a configuración das rúas e edificacións, a composición das fachadas e os materias empregados nas rúas-, e marca a evolución da vila ao longo do tempo.
A conservación e revitalización do Patrimonio debe conectarse cunha acción de rehabilitación que comprenda non só os medios e procedementos arquitectónicos e técnicos, senón tamén a creación de servizos socias e culturais adecuados, de modo que se chegue a garantir un equilibrio entre a parte antiga e a moderna.
Ambos mandatarios destacaron que a colaboración ratificada este mércores procurará a conservación do centro histórico facéndoa compatible coa súa rehabilitación funcional, económica e cultural.
O Plan Especial de Protección e Reforma Interior constituirá un instrumento de planificación e ordenación que contribuirá ao impulso e á revitalización dunha zona emblemática -o casco histórico-, sen a cal non se pode entender a orixe e a evolución deste municipio.
O municipio de Verín conta na actualidade cun Plan xeral de ordenación municipal aprobado en decembro de 2012; neste documento xa se recollía a necesidade de redactar un plan especial de protección e reforma interior para o Núcleo Antigo e o Barrio de San Lázaro.