A UD buscará ante o Loureiro unha vitoria que o pode levar a quedar invicto na Liga.

O encontro terá lugar no campo do Couto o domingo ás 17 horas. Os homes de Antonio Dacosta irán a por unha vitoria que de acadala o levaría a rematar a Liga na Terceira Autonómica con pleno de vitorias, emulando a CD Ourense da tempada 67/68.

Duchenne
A Unión colabora coa Asociación Duchenne. Esta é unha asociación contra a distrofia muscular de Duchenne e Becker. Neste partido venderán pulseiras ao prezo de 2 euros. Todo o diñeiro recadado irá destinado para a investigación desta enfermidade neuromuscular dexenerativa. Para coñecer mellor á asociación, en duchenne-spain.org.

Nova campaña de socios da UDO
A Unión Deportiva Ourense vén de poñer en marcha a súa campaña de captación de socios de cara á tempada 2015-2016, na que competirá en 2ª Autonómica.

Baixo o lema “Ti es o noso sustento”, animan aos ourensáns a facerse socios ou abonados. Os prezos manteñense con respecto aos deste ano.

Os socios antigos pagarán o abono correspondente, mentres que os que se fagan socios por primeira vez terán que pagar 100 euros, que inclúe o abono e permite opinar e votar nas asambleas do club.

Pola súa banda, os que opten por converterse en abonados teñen varias opcións: protector (cun prezo de 50 euros e 10% de desconto nos produtos do club), adulto (para os maiores de 25 anos, que pagarán 30 euros), xubilados e maiores de 65 anos (que pagarán 25 euros), mozos (de 16 a 25 anos, por 20 euros), desempregados (que pagarán 15 euros), menores de 16 anos (só 2 euros por abono) e discapacitados (de balde).

Así mesmo, cada parella adulta que se abone pagará 50 euros e os seus fillos, de 16 a 25 anos, só 15. Ademais, o club estableceu convenios coa UD Barbadás e o Cidade de As Burgas. Os socios destes dous equipos contarán cun 50% de desconto no seu abono da UDO.