A vila ourensá acolle o xoves, 21 de maio, por sexto ano unha Xornada de convivencia dos centros Curros Enríquez de Galicia.
Esta actividade, que está organizada pola Fundación Curros Enríquez e na que colabora o Concello de Celanova, pretende reunir periodicamente en Celanova aos alumnos dos centros que levan o nome do poeta e realizar actividades na súa vila natal.
Participarán 180 escolares de 5º e 6º de primaria dos centros CEIP Curros Enríquez da Coruña, CEIP Curros Enríquez de Ourense, CEIP Curros Enríquez de Celanova e CPR Sagrado Corazón de Celanova.
Ao longo da mañá os 150 alumnos dos colexios Curros da Coruña, Ourense e Pazos de Borbén participarán no programa de concertos didácticos de órgano que organiza o Concello de Celanova en colaboración coa Xunta de Galicia e realizarán as visitas á Casa dos Poetas e a capela de San Miguel. Tras un xantar de convivencia na alameda no que se incorporarán xa alumnos do CPR Sagrado Corazón de Celanova, todos os participantes trasladaranse á Casa dos Poetass (sobre ás 15.30) para asistir a un espectáculo de títeres sobre o poema de Manuel Curros Enríquez ‘A Virxe do Cristal’ da man da compañía Virvolta.
A continuación visitarán o proxecto de acondicionamento da carballeira que están a desenvolver en Celanova o centro Curros Enríquez e realizaranse visitas a Vilanova dos Infantes e Castromao.
Durante a xornada os colexios Curros Enríquez de Ourense e Coruña participarán na gravación do poema da Virxe do Cristal que se está a realizar con todos os centros que visitan Celanova. Os de Ourense realizarano a primeira hora na capela do Cristal e os da Coruña ó finalizar a xornada na propia Vilanova.