Jiménez e Chelo

Ourense foi a segunda provincia española en apoio ao PP, que conseguiu 61 maiorías absolutas. Con todo, os populares perden prazas históricas, coma Barbadás ou Verín.

Con todo, o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, salientou que manteñen a maioría absoluta na Deputación.

En Barbadás, Chelo Vispo (PP) perde a maioría absoluta que tiña Freire Couto (obtén seis actas, fronte ás 5 do PSOE e as 3 do BNG) , e entran dúas forzas novas: Democracia Ourensana (2 edís) e Compromiso por Galicia (un edil).

En Verín, o popular Jiménez Morán perde a maioría absoluta (consegue 7 concelleiros), e o socialista Gerardo Seoane consegue os mellores resultados para esta formación en tempo (6 edís). O BNG tamén sube, a 4 concelleiros.

En Xinzo, Antonio Pérez mantén a maioría absoluta para o PP (9 edís), e entra Xinzo Adiante con tres concelleiros. PSOE consegue catro edís e o Bloque queda con un.

En Celanova, José Luis Ferro (PP) consolida a súa maioría, nas súas primeiras eleccións como candidato á alcaldía, obtendo 8 actas, fronte ás tres que mantén o BNG-Asembleas Abertas; o PSOE queda con dúas.

En Allariz, o nacionalista Francisco García repite maioría absoluta (9 edís), e entra o PSOE cun edil. O PP saca tres representantes.

No Carballiño, o PSOE regresa á alcaldía da man de Francisco Fumega, que acada a maioría absoluta (8 edís fronte aos 6 do PP, os 2 do BNG e o concelleiro de SON).

No Barco, o socialista Alfredo García mantén a maioría absoluta (10 representantes) e entra na corporación Riada, en detrimento do BNG. O PP obtén seis edís.

En Ribadavia empate a cinco edís entre PP e PSOE. Entran dúas formacións novas: Ribeiro en Común e CxG, con cadanseu representante, ao igual que o Bloque.