O colectivo feminista promove unha concentración fronte aos xulgados este mércores ás 19:30 horas.
“Non chega con facer concentracións para amosar a nosa indignación”. Así se expresaba Ximena González, da coordinadora ourensá da Marcha Mundial das Mulleres (MMM), para anunciar o inicio dunha campaña a nivel galego para chamar a atención sobre a “indefensión” que sufriu Isabel Fuentes, a muller verinesa acoitelada no hospital de Ourense presuntamente polo seu marido, e primeira vítima de violencia de xénero no que vai de 2015 en Galicia.
A primeira iniciativa da MMM son concentracións de protesta este mércores ás 19:30 horas enfronte dos xulgados das sete cidades galegas. Ademais, abriron un portal web (http://feminismo.info/feminicidio/) no que particulares e colectivos poden adherirse a esta campaña presentando as súas queixas, e en 15 días, presentarán unha reclamación administrativa ante o Poder Xudicial “pedindo responsabilidades para que se depuren e saibamos exactamente que fallou nos protocolos de protección de Isabel Fuentes”. “Queremos saber que fallou para que se poñan os mecanismos necesarios para resolvelo”, engadía. De maneira paralela recollerán queixas para presentar ao Valedor do Pobo.
Pero o paso máis destacado desta campaña será a presentación dunha denuncia penal contra o Estado “desprotección que sufriu Isabel”. Cren que houbo “neglixencia” e que debería terse aplicado o principio de prevención “cando hai sospeitas de que unha muller pode ser agredida”. Nese sentido, esta integrante da MMM sinala que tiveron acceso ao documento “no que a Garda Civil pedía que, ante as sospeitas, se puxera a Isabel nunha habitación a parte, que tivera visitas restrinxidas e se pinchara o teléfone, e sabemos tamén que a xuíza respondeu que non tiña indicios de maltrato, de que houbera mala relación entre a parella”. “Descoñecemos como unha xuíza pode presupoñer que unha muller que está inconsciente nunha habitación non sufriu malos tratos na súa vivenda, cando todas sabemos que na maioría dos casos que ata que non hai unha primeira denuncia o maltrato se invisibiliza durante anos”, analizaba a feminista.
Ximena González recoñecía non saber o percorrido que pode ter esta denuncia pero considéraa necesaria para que “non se esqueza o que pasou con Isabel”.