Semanalmente entre 7 e 14 estudantes de ciencias da saúde de universidades norteamericanas realizarán prácticas no hospital ourensán ata agosto.
Alumnos norteamericanos de distintas universidades de Estados Unidos de Ciencias da Saúde realizan prácticas estes días no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, no marco dunha iniciativa de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o St. Mary´s Institute for Educacional Excellence, LLC (SMI).
Durante a súa estanza de prácticas os alumnos non poden realizar ningún procedemento ou actividade médica ou sanitaria, pero convértense en observadores privilexiados do traballo asistencial, o que se coñece como prácticas “shadowing”, contando coa titurización dos profesionais do CHUO.
Son prácticas de curta duración, que pode ir de media semana a dúas semanas, que se organizan de xeito que o estudante rote por varios servizos diferentes.
As prácticas desenvólvense nos períodos vacacionais das universidades americanas, de decembro e xaneiro, marzo a abril, e de maio a setembro. En Ourense o período de prácticas extenderase desde este mes ata o 31 de agosto e está previsto que coincidan entre 7 e 14 estudantes por semana.
Pola súa parte, os estudantes realizarán actividades de colaboración cos centros hospitalarios, que poden ser: ensinanzas de inglés aos profesionais do centro, colaboracións en labores de tradución ou interpretación con doentes estranxeiros, preparación de material de saúde para turistas ou estranxeiros, ou calquera outra que o centro considere de utilidade e axeitada as capacidades dos estudantes.