O obxecto dos traballos é renovar un treito en mal estado da rede de saneamento de Torneiros, mellorar a captación de auga no Puxedo e aumentar o abastecemento de Xendive mediante unha nova captación e a construción dun novo depósito.
O Diario Oficial de Galicia vén de licitar as obras de abastecemento e saneamento nos núcleos de Torneiros, O Puxedo e Xendive, en Lobios, por un importe de máis de 230.000 euros. Trátase dunha colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia e o Concello de Lobios para a execución des actuación hidráulica que permitirá aos veciños do Puxedo e Xendive dispoñer dunha rede de abastecemento de calidade e cantidade e aos veciños de Torneiros melloraráselles a rede de saneamento da que dispoñen na actualidade.
O proxecto estrutúrase en tres actuacións en función das medidas que se executarán en cada localización, pero no seu conxunto requiren a instalación de máis de 6 quilómetros de tubaxe, pozos, arquetas e desaugadoiros.
Con esta colaboración co Concello de Lobios, a Xunta contribúe a garantir a subministración de auga en calidade e en cantidade suficiente á cidadanía, tal como establece a Directiva Marco da Auga. Ao mesmo tempo, o Goberno galego mantén con este acordo a súa liña de cooperación cos concellos para mellorar a rede de abastecemento secundaria.
Para todas as actuacións, no caso de que o terreo estea pavimentado, procederase a demoler o firme existente , unha vez instalada a tubaxe, reporanse os ditos pavimentos nos treitos onde sexa necesario.