Aula Recaredo Paz

Recaredo Paz foi homenaxeado no Centro Integral de Formación Profesional do barrio das Lagoas.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asistiu ao acto no que o CIFP Portovello deulle o nome do fundador da Asociación Aixiña, Recaredo Paz, a unha das aulas do centro, ubicado no barrio das Lagoas.

Aixiña é unha asociación ourensá de minusválidos físicos, parálise cerebral e terceira idade dependente fundada por Recaredo Paz en 1991.

No acto os responsables do centro explicaron que un dos espazos máis significativos para o alumnado da especialidade de Atención a persoas en situación de dependencia é a aula que a partir de agora se denominará “Recaredo Paz”.

A decisión adoptouse en homenaxe ao fundador de Aixiña, que faleceu hai seis anos, “por ser unha persoa que amosou, na súa intensa traxectoria vital, o seu compromiso coa normalización da vida das persoas dependentes”.

No acto estiveron presentes, amais da viuva do homenaxeado, Olga Cuña; a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Mercedes Gallego; e o director do CIFP “Portovello”, Abel Ocampo.