O candidato popular inicia diálogo coas outras forzas “de cara a garantir a gobernabilidade do Concello de Ourense”.
Primeiras reunións semi-públicas dos concelleiros electos no Concello de Ourense con vistas a formar goberno para este próximo mandato. O candidato da lista máis votada, o popular Jesús Vázquez, iniciará este venres unha serie de reunións cos candidatos das restantes formacións políticas “co fin de establecer un diálogo de cara a garantir a gobernabilidade do Concello deOurense”, anunciaba a través dun comunicado.
As dúas citas xa confirmadas polo momento son con Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana, ás dez da mañá, e con Miguel Doval, nº1 de Ourense en Común, ás 12. As reunións terán lugar nunha sala do Museo Municipal, e delas os medios de comunicación poderán tomar testemuña gráfica ao inicio. As xuntanzas celebraranse a porta pechada.
Non trascendeu aínda se Vázquez Abad manterá encontro co candidato do PSOE, Vázquez Barquero.