Presentación da Feira do Libro

Os stands volverán instalarse na rúa do Paseo, entre o 2 eo 7 de xuño.

 

Os cidadáns de Ourense teñen un encontro coa literatura a vindeira semana. Entre o 2 e o 7 de xuño, a rúa do Paseo volverá acoller a Feira do Libro, na que ademais de poder adquirir exemplares cun 10% de desconto, o público poderá participar en encontros cos escritores e outras actividades.

Desta volta son 12 casetas as que estarán instaladas, destacando a presidenta dos libreiros galegos, Pilar Rodríguez, a presenza novamente do stand da Deputación. Xunto a ela, dez librarías, unha editorial, e un espazo para a Biblioteca Pública Nodal.

O pregón de apertura correrá a cargo de Alfonso Vázquez Monxardín, quen tamén presentará dous libros no transcurso da feira. Outros dez autores darán conta en Ourense ao longo da semana das súas novidades editoriais. Ademais, haberá teatro, contacontos e actividades para o público infantil.

A Feira do Libro de Ourense está organizada pola Federación de Librarías de Galicia, coa colaboración da Xunta, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense. A feira estará aberta de martes a domingo en horario de 11 a 14 horas e de 18 a 22 horas.