Os arquitectos asinaron un manifesto sobre o “fatal erro” que suporía a demolición da vivenda da familia Alonso-Fernández.
Ao redor de 60 arquitectos de toda Galicia veñen de asinar un manifesto contra “o que parece inminente” derrubamento dunha vivenda en Reza, “que vai truncar dramática e inutilmente a vida da familia de Rosa”. Entre os asinantes, profesionais de renome como Manuel Gallego Jorreto, Covadonga Carrasco ou Juan Creus.
Na opinión dos arquitectos“non é posible acadar na orde xudicial que pesa sobre a casa, beneficio algún, nin para a sociedade nin para a paisaxe, senón só o fatal erro da destrucción dunha peza de arquitectura que amosa de maneira exemplar a unidade posible entre o ser humán e o territorio que habita”.
A casa é obra do proxectista Fernando Blanco Guerra, do que os seus compañeiros de profesión destacan o seu “recoñecido prestixio”.
Sobre a vivenda, situada no barrio ourensán de Reza, pesa unha orde de demolición que ten previsto executarse este xoves 4 de xuño ás 9 da mañá.
Outros apoios
Tamén desde Anova Ourense se solidarizan cos donos da vivenda, Miguel e Rosa, e solicitan «a paralización do derrubo e o estudo das medidas para que a lei sexa compañeira da xustiza».
A formación nacionalista considera que a orde de demolición é «o resultado dun proceso legal escuro e longo cuxo resultado está en contra dos principios de xustiza mais elementais». Recordan que o recén electo concelleiro do PP en Ourense Jesús José Cudeiro presidía a Comisión Provincial de Urbanismo que outorgou unha licenza urbanística á vivenda do veciño denunciante «a pesar de presidir un órgano incompetente e de que a institución competente, o Concello, xa dera a correspondente licenza, de acordo coa legalidade, aos que hoxe son obxecto de sanción. Isto é a Miguel e a Rosa».
E desde Stop Desafiuzamentos Ourense tamén amosaron a súa solidariedade coa familia Alonso. «Non é de recibo e parécenos imprudente que se ordene o derribo desta vivenda cando as administracións son incapaces de ofrecer un marco xurídico estable, máis nun caso no que hai indicios razoables de prevaricación. Non é lóxico causar tanto dano a unha familia, que poder ver como tiran a súa vivenda, para que a continuación se declare esta zona urbanizable, no próximo PXOM», indicaron nun comunicado.