A primeira andaina terá lugar o sábado 6 de xuño e discorrerá polas marxes do río Miño.
A Concellería de Saúde do Concello de Ourense inicia esta semana a actividade “Paseos para todos/as”, un ciclo de rutas deportivo-culturais por diferentes zonas de interese da cidade, que se desenvolverán os catro sábados do mes de xuño, pola mañá.
Son andainas culturais, con actividades complementarias, pensadas para persoas de tódalas idades, polas marxes dos ríos Miño e Barbañá, o Castro de Santomé e Montalegre. As rutas non requiren inscrición previa. Todas terán como punto de saída e chegada (ás 10 e 13h) os xardíns do Pavillón Municipal dos Remedios.
A primeira cita é este sábado, 6 de xuño coa Ruta do Miño, un percorrido de dificultade baixa, de 8 km de lonxitude, entre a ponte Vella e as termas do Muíño pasando pola Chavasqueira e O Tinteiro. Rematará con baño nas termas do Muíño para as persoas que o desexen, antes de regresar ao punto de partida.
O sábado 13 a ruta percorrerá o Barbaña entre A Molinera e o Paco Paz, oito quilómetros de dificultade baixa. A ruta incluirá un obradoiro de taichi e ioga no Paco Paz.
A Ruta do Castro de Santomé será o 20 de xuño, o percorrido parte de novo da ponte Vella cara ao río Loña, Mende e o castro, onde haberá visita guiada. Son 9 km en total de dificultade baixa-media.
Finalmente o sábado 27 de xuño realizarase a Ruta Parque Botánico de Montealegre, con saída da ponte Vella cara ao campus, subida polo barrio do Cuco ata Montealegre e regreso por Ceboliño. A dificultade deste itinerario de 12 km é media-alta.
Programa de boas prácticas alimentarias e prevención activa da obesidade
Estes paseos forman parte do programa de promoción de boas prácticas alimentarias e prevención activa da obesidade que desenvolve o Concello. O seu obxectivo é fomentar patróns alimentarios equilibrados que garantan unha nutrición máis saudable na poboación e sensibilizar sobre os beneficios dunha dieta equilibrada e o mantemento dun peso axeitado, corrixindo erros na alimentación diaria.
As persoas interesadas en participar nas actividades propostas neste programa poden solicitar máis información ou inscribirse na Concellería de Saúde, na rúa Concordia, 20, entrechán, teléfono 988 510 622, correo electrónico alimentacion@ourense.es.