O vindeiro 16 de xuño, os programas ‘Kero-Kolo’ e ‘Kero-Kedar’ vivirán a súa festa de fin de curso, para clausurar a terceira e segunda edición respectivamente dos mesmos, coa realización de actividades lúdicas e deportivas para os pequenos e os seus proxenitores.

 

Esta iniciativa terá lugar desde ás 17 horas na área recreativa de Tintores -se as condicións meteorolóxicas son adversas trasladarase, previo aviso, ao complexo deportivo de A Granxa-, e na mesma participarán os menores, pais e nais integrantes nos dous programas. Entre as actividades previstas están obradoiros de globoflexia, paracaídas, pintura de cara e mans, circuítos psicomotores, pesca, tragabolas, unha merenda infantil; ademais de participar efectivos do Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e Cruz Vermella.

Inscricións para o novo curso

Por outra banda, xa se abriu o prazo de inscricións para a vindeira edición dos programas ‘Kero-Kolo’ e ‘Kero-Kedar’, para o ano 2015-2016, que debe realizarse no departamento de Educación Familiar do Concello de Verín (Avda. de Portugal, 11 bis), no correo electrónico educadorafamiliar@verin.net ou no teléfono 988 414 776; tamén no no edificio municipal do Lavadoiro (situado na esquina das rúas Rosalía de Castro e Lavadoiro) ou no teléfono 988-411468.

Incluídos na Escola de Familia Municipal, o programa ‘Kero-Kolo’ é un espazo de encontro entre pais e nais e nenos de dous a tres anos de idade, onde conxuntamente coa familia e a persoa directora das sesións aprenden a relacionarse entre eles, mentres que o ‘Kero-Kedar’, destinado a menores de 3 e 4 anos, trátase dun espazo de xogo e aprendizaxe entre iguais que serve de conciliación para as familias.