O círculo ourensán de Podemos considera que o rexedor socialista desaproveitou a oportunidade de pechar un mandato “deplorable” cunha imputación por desacato, “a única que a cidadanía non lle botaría na cara”.
Podemos Ourense emitiu este xoves un comunicado no que denuncian “a inacción” do alcalde de Ourense en función, Agustín Fernández, con respecto á demolición da vivenda unifamiliar de Reza, “así como a súa covardía á hora de ampararse na súa obriga de executar unha sentenza, tan legal como inxusta”.
Para o círculo ourensán de Podemos, o socialista perdeu “unha ocasión única de marchar á súa casa coa cabeza alta”. “Desaproveitou a oportunidade de pechar un mandato deplorable cunha imputación por desacato, a única imputación honorable de todas as que tivo, a única que a cidadanía non lle botaría na cara”, opinan.
Con respecto á demolición da casa de Reza, Podemos Ourense non entra discutir a sentenza pero pregúntase por varios aspectos que rodearon “este indignante derrubamento”. Así, piden ás partes implicadas unha resposta a se hai “unha desprezable vinganza política detrás deste asunto, ao ter sido o denunciado un destacado activista en contra da depuradora ou o «acceso centro» á cidade?”, ou se hai “intereses espurios detrás da xenreira insistente do veciño denunciante?”.
Podemos Ourense tamén se pregunta por que se noutras sentenzas se pediu a súa inexecución, coma no caso da da praza de San Antonio, non se fixo neste caso, “cando cun novo PXOM a edificación volvería ser legal”, e por que se denegou dende o Concello a solicitude da AAVV de Reza para que se declarase ‘núcleo urbano consolidado’ “e quedase solucionada a situación”.
En Podemos Ourense defenden que “o primeiro son as persoas, e que hai que garantir, mesmo contra leis inxustas, os dereitos fundamentais daquelas. E a vivenda é un dos principais dereitos que deberiamos ter garantidos, senón o principal”.