Rosendo Fernández

O líder do grupo municipal popular cualifica o acontecido este mércores, coa sinatura por parte de Agustín Fernández da orde de demolición da casa de Reza, como “un triste epílogo desta nula praxe de xestión” dos socialistas.

 

O voceiro do grupo municipal popular nestes últimos catro anos, Rosendo Fernández, fixo este xoves balance do goberno socialista no Concello de Ourense, que cualificou como “inútil para Ourense”, e en particular da xestión de Agustín Fernández, “un alcalde moi pernicioso para os intereses deste Concello”. Un mandato que remata cun “triste epílogo desta nula praxe de xestión”, dixo o político popular en referenza á orde de demolición da vivenda de Reza asinada por Agustín Fernández a tres días de deixar a corporación.

Sendo “un asunto de interese xeral” a Rosendo chámalle a atención que o rexedor non reunira a xunta de portavoces para dar explicacións, que non respondera ás súas preguntas en xunta de área hai xa tres meses, e que se dera tanta présa en executar a orde xudicial, que “non tiña que ser executada no día de hoxe nin onte nin mañá, iso é o que me dixeron a min persoas achegadas ao caso”.

Tamén recordou Rosendo Fernández que “non houbo presupostos en todo o mandato en tempo e forma”, que os populares advertiron en repetidas ocasións que había que pagar a indemnización de Proavia (aprobada finalmente no pleno deste mércores), e que destaparon “graves incumprimentos na concesionaria da limpeza”. O popular sinalou que queda pendente a devolución ao Ministerio de Hacienda de máis de 83.000 euros que reclama “polas irregularidades” na obra de urbanización da rúa Clara Corral onde está situada a casa do alcalde.

O PP, coa “man tendida”
Do traballo realizado polos populares, Rosendo Fernández resaltou que tiveron sempre “a man tendida para facer moito máis do que nada se fixo”. Así, citou as ordenanzas fiscais de 2013, que se aprobaron grazas ao voto do PP, ao igual que o Plan de Investimentos que está en execución, “e axudamos a aprobar a normativa (urbanística) provisional” trala caída do PXOM. O popular apuntou que a súa formación facilitou a aprobación de modificacións de créditos para destinar fondos a entidades sociais, veciñais e asistenciais e ata en dúas ocasión para a expropiación dos terreos das Burgas, aínda non realizada.

O político popular tivo palabras de agradecemento aos traballadores municipais pois “foron os que mantiveorn o Concello”. Rosendo, que a partir de agora será edil no concello da Merca e seguirá de vicepresidente da Deputación, dixo marchar “coa sensación do deber cumplido e de que sempre se puido aportar algo máis”.