Os nacionalistas pediran a dimisión de Isabel Gil para poder pactar co PSOE un goberno alternativo ao PP, que perdeu a maioría absoluta nas pasadas municipais.
A candidata socialista á alcaldía de Ramirás, Isabel Gil, enviou unha carta aberta aos medios de comunicación dirixida ao BNG, que demandaba a súa dimisión para poder pactar un goberno alternativo neste municipio, no que o PP perdeu a maioría absoluta despois de case 40 anos gobernando. Nos comicios do 24 de maio, o PP obtivo catro actas, as mesmas que o PSOE, mentres que o Bloque quedou con unha.
Gil pregúntalle ao BNG “que intereses ocultos impiden que haxa un goberno de progreso en Ramirás” e considera que a solicitude dos nacionalistas da súa dimisión para poder pactar un goberno “un argumento demasiado pobre”.
Isabel Gil nega que sexa unha “tránsfuga do BNG” recordando que en 2003 a formación frontista non puxo reparos en levala de candidata, sabendo do seu pasado socialista. “Naquelas eleccións, conmigo como candidata, o BNG pasou de 2 a 5 concellais, por 6 do PP e ningún do PSOE. Eu esgotei a lexislatura, acatando en todo momento a disciplina do BNG, partido do que me fun cando se produxo o seu desmantelamento. Teriamos que chamar entón tránsfugas a todos os que se foron do Bloque?”, pregúntase.
A candidata socialista tamén pide explicacións ao portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence. “Por que a nivel galego dí que o seu partido non permitirá nunca gobernos do PP e aquí, en Ramirás, se salta a súa propia norma”, inquire.
Isabel Gil recorda que lle ofreceu aos nacionalistas a Tenencia de Alcaldía e por iso volve preguntarse que “intereses espurios” lle impiden ao BNG gobernar en coalición co Partido Socialista. Gil considera “inaudito” que despois de 40 anos de “goberno-desgoberno” do PP en Ramirás, o BNG “non permita agora o ansiado cambio” e advírtelles que “a historia os lembrará por elo e acabarán tendo que render contas diante dos veciños e veciñas, especialmente dos que lle votaron a eles”.