A 48ª edición do Rali de Ourense -Ourense Termal- corou a Iván Ares como campión.

O piloto de Cambre, xunto ao seu copiloto Álvaro Bañobre, logrou unha vitoria inapelable distanciando en case catro minutos aos irmáns Vallejo, segundos. Vallejo tivo problemas na primeira pasada por San Pedro de Rocas no cal perdeu cinco minutos e un segundo que o levou a décimo novena posición. A partir de aí, todo foi remontar ata acadar esa segunda posición do podio. A primeira posición estaba imposible de alcanzar, xa que Ares tan só tivo que controlar a vantaxe que tiña.

No terceiro caixón do podio Cristian García e a súa copiloto Rebeca Liso, quenes a pesar dos problemas nos tramos da tarde lograron manterse no podio. Outro dos favoritos ao triunfo final, Pedro Burgo, tivo que abandonar.

Miguel Fuster
O piloto alacantino que comanda a clasificación no CERA (Campionato de España de Ralis de Asfalto) non puido participar en Ourense co seu Porsche. Pero si o fixo cun Suzuki Swift. Os problemas económicos fixeron que non puidera participar co seu equipo habitual pero Suzuki deulle a oportunidade de competir na proba ourensá. Fuster, limitado co vehículo, fixo un meritorio cuarto posto que lle permite sumar puntos e manterse ao fronte da clasificación no Campionato de España.

Os ourensáns
Como na edición do 2014, o piloto Iago Silva, xunto ao seu compañeiro Diego Grande foron os mellores ourensáns ao finalizar o rali. A bordo do Peugeot 208 R2 o ourensán tivo varios percances, o que máis lle lastrou foi un percance no tramo espectáculo do venres que fixo que non puidera loitar polos primeiros postos.
Finalmente rematou 15º a máis de 15 minutos do primeiros.
O segundo ourensán foi o equipo formado por David Cortés (piloto) e Rubén Soto (copiloto) que remataron na 17ª posición na clasificación xeral. Nembargantes foron os primeiros na Copa Suzuki Swift. O equipo de Luintra sitúase como líder da monomarca no nacional.

CERA
Cos resultados do 48 Rali de Ourense a clasificiación no Nacional lideraa Miguel Fuster con 182.5 puntos, seguido de Iván Ares (159.5 puntos) e Pedro Burgo (120.5 puntos), segundo e terceiro, respectivamente.