En 2014 a asociación atendeu nos seus diferentes programas 350 usuarios.
A Asociación ourensá de axuda ao toxicómano (ATOX) conmemorará o vindeiro 26 de xuño o Día Internacional da loita contra a droga. Unha cita xa tradicional na cidade e que serve para sensibilizar á poboación sobre a problemática da droga e proprocionar á mocidade, nunha xornada cun carácter festivo, alternativas para o seu tempo de lecer.
O programa comeza ás 11:30 da mañá coa concentración das autoridades e dos equipos que participan no maratón de fútbol sala fronte á sede de ATOX no Paseo. Alí, o entrenador de fútbol e directivo da UD Ourense dará lectura a un manifesto, e será presentado o himno oficial deste club composto por Xosé Lois Foxo con letra de Xose Lois O Carrabouxo. “Es un acto que simboliza la integración de ATOX en la ciudad”, explicaba Leto Cid, director da asociación.
Todos eles trasladaranse logo ao pavillón dos Remedios, onde se disputará ata a tarde os partidos do maratón, no que están inscritos uns 50 equipos, ao redor de 600 rapaces. “Queremos que experimenten la posibidad de pasarlo bien sin necesidad de tomar drogas”, apuntaba Cid.
Memoria de ATOX
Cid aproveitou a presentación destes actos para dar conta da memoria de ATOX no último ano. Así, no programa xurídico social, realizaron 1.224 intervencións, entre asesoramentos, escritos e acompañamentos ao xulgado. No programa de piso de apoio a procesos terapéuticos, as seis prazas de que dispoñen están ocupadas todo o ano, con lista de espera mesmo. No programa de servizo de información, realizaron 632 atencións a toxicómanos, 327 a alcohólicos e 118 a ludópatas. No programa de inserción sociolaboral para internos do cárcere do Pereiro, atenderon 71 presos, e no programa de inserción sociolaboral para persoas en risco de exclusión social, prestaron axuda a outras 79 persoas.
En total, en 2014 tiveron ao redor de 350 usuarios. Non hai un perfil único de usuario de ATOX, pero si unhas características similares: “en ellos se da carencia de formación, falta de asertividad, baja autoestima…”, enumeraba o director do colectivo así como unha orixe común: “todas las personas que consumen drogas empiezan por las drogas legales, que son el trampolín a las otras”.
Estudo sobre drogas
Segundo datos facilitados polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, que participou nesta presentación, o estudo sobre drogas 2013 do Ministerio de Sanidade sinala que as drogas que presentan unha idade de inicio máis temperá seguen sendo o tabaco, as bebidas alcohólicas e o cannabis, por esa orde. As dúas primeiras sobre os 16 anos de idade e a terceira preto dos 19 anos.
Martínez afondou na colaboración que desde a Xunta se lle presta a ATOX desde hai anos; así, desde o Consellería de Sanidade fináncianse varios programas (con 24.000 euros na última convocatoria), mentres que a Consellería de Traballo e Benestar ten achegado desde 2012 190.000 euros en axudas para outros programas de ATOX.
ATOX leva 27 anos traballando no campo das toxicomanías; na actualidade conta con 592 socios e oito voluntarios. Leto CID apunta como unha das prioridades a “profesionalización” do persoal que traballa na asociación.