O seu candidato, Marcos Meléndez, e a súa familia, sufriron insultos e ameazas por non propiciar un cambio de goberno o pasado 13 de xuño.
O candidato do BNG en Ramirás, Marcos Meléndez, compareceu este venres ante os medios de comunicación para denunciar a persecución e acoso, os insultos e ameazas que está a sufrir, el e a súa familia, desde que o pasado sábado 13 de xuño non votara a favor da candidata socialista á alcaldía, Isabel Gil, e propiciara co seu voto que Ramirás continuase, como nos últimos 40 anos, cun alcalde do PP.
Meléndez explicou que durante esta semana e nos días previos á votación ten recibido chamadas ameazantes, que xa puxo en coñecemento da Garda Civil,e agora valora se presentar denuncia no xulgado. Ademais, nas redes sociais houbo insultos e “en Ramirás, Gomesende e Celanova repartiron pasquíns nos que alentaban a non consumir no negocio familiar (unha gasolineira) e me chaman cacique e vendido”, relataba o político nacionalista.
Previa a esta rolda do BNG, a cabeza de lista do PSOE de Ramirás, Isabel Gil, emitirá un comunicado no que rexeitaba “todas as acción que atenten contra a vida persoal ou profesional dos concelleiros do BNG, do PSdeG-PSOE ou de calquera outro grupo político”. Nel preguntábase quen repartirá as octavillas: “sería o PP para botar máis leña ao lume?, sería BNG para culpabilizarnos a nós? Ou sería, o máis lóxico, un votante cabreado, que sentiu que lle mancillaban o seu voto. Como di o refrán ‘siembra vientos y recogerás tempestades’”.
Meléndez compareceu nesta rolda de prensa acompañado de cargos do Bloque na comarca de Celanova-Baixa Limia, e do secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, quen afirmou que “a mafia, a coacción e as ameazas non só están na man do PP senón tamén en sectores do PSOE”, e por iso pediu á dirección socialista “que lle pare os pés a esta xente e a esta señora de Ramirás”.
Resposta socialista
Pouco despois de dar esta rolda de prensa, a secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, María Quintas, emitiu un comunicado para reclamar aos nacionalistas que “non utilicen ao PSdeG se necesitan xustificar” que “permiten que goberne o franquismo en Ramirás”. Desmentiu que “ningún militante, concelleiro electo nin portavoz socialista fixera ou cometera imprudencia algunha” contra o concelleiro do BNG porque “estarían expulsados do partido”.
Quintas concluíu que “podo garantir e garanto que ninguén do PSdeG fixo ningún tipo de acción contra este señor que permite que goberne o franquismo en Ramirás”, e ratificou que a portavoz municipal do PSdeG na localidade, Isabel Gil, “vai ser deputada provincial e, si ela quere, será a próxima candidata do PSdeG” á alcaldía.
Aceptarían pactar se Gil dimite
Ante esta situación, Bieto Lobeira considera que a decisión do Bloque en Ramirás de non apoiar a candidata socialista á alcaldía foi “o correcto politicamente”. Nese sentido, Marcos Meléndez puntualizou que Isabel Gil “non quere un cambio real en Ramirás, quere un cambio de cromos”, e por iso “non nos vale como candidata, apoiaríamos o número dous da súa lista”.