Ana Pastor e Jesús Vázquez

Apenas unha semana despois da súa toma de posesión como alcalde de Ourense, Jesús Vázquez recibiu a visita institucional da ministra de Fomento, Ana Pastor, ao consistorio ourensán.

Nun encontro de media hora, alcalde e ministra abordaron temas de interese para a cidade, como a entrada do AVE na cidade, a circunvalación norte, o bulevar termal ou a Praza de Abastos.

Sobre a integración ferroviaria, adiantaron a próxima constitución no mes de xullo dun grupo de traballo no que participarán técnicos do Concello de Ourense, Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia e a Deputación para pechar o proxecto definitivo.

Ana Pastor recalcou que mantén o seu compromiso coa provincia e cidade. “Ourense fue siempre un nodo ferroviario de una magnitud impresionante y va a volver a serlo”. Vázquez, pola súa banda, recoñeceu o esforzo “que vén realizando o ministerio de Fomento nestes últimos anos, especialmente coas infraestruturas ferroviarias”, e agradeceulle a súa visita e o seu apoio.

En relación coa circunvalación norte, estase a rematar a redacción do proxecto, que se dividiu en dous tramos. A titular de Fomento anunciou a súa intención de incorporar o primeiro deles ao proxecto de Orzamentos do Estado de 2016, de xeito que poida ser licitado o ano que vén. Pastor explicou que esta infraestrutura permitiría facer realidade o bulevar termal.

O alcalde e a ministra manterán unha xuntanza en Madrid o próximo mes de xullo para avanzar nestes e outros proxectos.

Sinatura no libro de honra
Previamente, a ministra saudara aos membros do grupo de goberno no salón de plenos, e tamén ao voceiro de Ourense en Común, Miguel Doval, o único da oposición que aceptou o convite. Logo asinou no libro de honra do Concello, deixando por escrito o seu compromiso coa cidade.

Ao remate do seu acto na casa consistorial, Pastor e Vázquez trasladáronse a pé ata a sede do PP en Ourense, onde se celebrou Xunta Directiva Provincial.