Presentación VI Trofeo Barrios Deportivo de fútbol sala

O VI Trofeo Barrios Deportivo de fútbol sala dispútase o martes 23 e o mércores 24 de xuño no pavillón dos Remedios.

 

Os días 23 e 24 de xuño o pavillón dos Remedios acollerá o mellor do fútbol sala ourensán, no Trofeo Barrios Deportivo, que este ano chega á súa sexta edición. O torneo foi presentado este luns polos organizadores, Miguel Rejo e Ramsés Torres, acompañados do xerente do Consello Municipal de Deportes, Hugo Blanco, e o administrador, Cándido Gómez.

O trofeo repite o formato do ano pasado, con categorías masculina e feminina. Na masculina disputaranse dúas semifinais e unha final; na feminina, só final. “Es un trofeo que todos conocen y quieren participar, y queremos que sea el colofón de la temporada”, explicaba Miguel Rejo.

Este martes 23, a partir das 20:15 horas, xógase a primeira semifinal, enfrontando a Eurosport/Karlasca e Hnos. Carral, “es la final del año pasado”, apuntaba Ramsés Torres. De seguido, ás 21:15 horas, optará a un posto na final o gañador do partido entre Os Escornaboys e o Dacón FS, “otro de los dos grandes equipos que siempre están arriba”, engadía Torres.

En canto á competición feminina, participarán dous dos equipos máis en forma da Liga provincial: o Xinzo Feminino e o Cidade de Ourense. O seu encontro xogarase o mércores 24 ás 20:15, previamente á final masculina, que dará comezo ás 21:15 horas.

Todos os partidos terán lugar na cancha central dos Remedios, con entrada gratuíta. Ao remate do torneo, haberá entrega de trofeos aos participantes.

O xerente do CMD, Hugo Blanco, agradeceu aos organizadores deste trofeo o seu apoio ao deporte ourensán, mentres que o administrador, Cándido Gómez, os animaba a engadir na próxima edición un partido de equipos invitados das máximas categorías do fútbol sala para completar o torneo.

Os equipos
Hnos. Carral/Pub Deluxe: campión do Trofeo Barrios Deportivo na súa edición de 2014.
Eurosport/Karlaska: campión da Liga Primeira local.
Dacón FS/Amb. Carballiño: campión da Liga do Carballiño.
SD Os Escornaboys: segundo na Liga Primeira local
Cidade de Ourense FS: quinto na Liga Provincial de fútbol sala feminino
Xinzo Feminino: sexto na Liga Provincial de fútbol sala feminino

Historia
En edicións anteriores o “Torneo dos Campións” recaeu en tres clubes distintos: na primeira edición no Sobrado, nas tres seguintes no En Xogo /Karlaska, e na quinta no Hnos. Carral, que defende este ano o título.

O VI Trofeo Barrios Deportivo está organizado pola publicación deportiva que lle dá nome, e conta co patrocinio do Consello Municipal de Deportes, a Concellería de Deportes de Ourense, a Delegación Provincial de Fútbol Sala e as empresas Academia Proxecto e Bar Miguel.