Jesús Vázquez e Rogelio Martínez

O delegado territorial da Xunta e o alcalde de Ourense acordaron pór en marcha de inmediato o obradoiro de emprego concedido pola Consellería de Traballo e Benestar á capital ourensá.

Esta iniciativa ofrecerá formación e emprego a 23 desempregados e contará cun presuposto de 204.218 euros. Ademais, Rogelio Martínez e Jesús Vázquez avanzaron distintas actuacións conxuntas, en materia de emprego, que se van desenvolver nos próximos meses na cidade das Burgas. Así o concretaron durante unha reunión que mantiveron este martes para avanzar naqueles asuntos que “ocupan conxuntamente” á capital ourensá e á Xunta.

Martínez subliñou que tanto el coma o rexedor son conscientes de que a cidade acapara un tanto por cento moi importante do paro rexistrado en toda a provincia polo que “é necesario apostar por accións formativas e de emprego para mellorar a empregabilidade”.”Manter todas as iniciativas dirixidas a este obxectivo é unha das prioridades da axenda común entre o Concello e o Goberno galego”, incidiu Martínez, por iso, engadiu, “comprometémonos a seguir traballando na inserción e reinserción laboral das veciñas e veciños da capital das Burgas”.

Obradoiro “Ribeira Termal”
Rogelio Martínez e Jesús Vázquez acordaron na reunión pór en marcha este mesmo mes o obradoiro de emprego que baixo a denominación “Ribeira Termal” contará con 23 beneficiarios como alumnos, amais de 6 persoas máis como persoal directivo, docente e administrativo, e un orzamento de máis de 204.000 euros.

A través deste programa o Concello executará melloras nas distintas zonas termais emprazadas ao longo do río Miño ao seu paso pola capital ourensá: A Chavasqueira, o Muíño das Veigas, Outariz, e o tramo do Tinteiro e o paseo roxo.

Outro dos asuntos que abordaron na xuntanza que mantiveron o alcalde ourensán e o delegado territorial da Xunta -e na que tamén estiveron presentes os concelleiros Isabel Castelo, Jorge Pumar e José Araujo- foi a activación do plan de Emprego integrado, concedido hai dous meses pola dirección xeral de Emprego. Este programa, cunha duración de 12 meses, beneficiará a 70 persoas desempregadas da cidade. O presuposto para levar a cabo esta iniciativa de fomento laboral é de 134.000 euros.

Nos próximos días tamén vai comezar un curso AFD, acción formativa para desempregados, na que se impartirá a disciplina de “Seguridade informática” que sumará 518 horas de formación e que beneficiará a 20 participantes, cun orzamento de 54.000 euros.

Ademais, Martínez recordou que a Xunta subvenciona con máis de 320.000 euros a contratación de 40 perceptores da Risga e de dous orientadores laborales no concello da cidade.

Compromiso de colaboración institucional
Durante o seu primeiro encontro quixeron limitar as súas conversas á materia de emprego, para abordar e seguir avanzando, segundo dixeron, en próximas xuntanzas noutros asuntos concretos nos que están implicadas ambas as dúas administracións e de importancia para esta cidade, como o Transporte Metropolitano, actualmente bloqueado; o centro de saúde do Couto, en construción; a mellora das instalacións do Estadio do Couto, en licitación; o novo edificio xudicial, que xa é unha realidade; ou o proxecto Hospital 2050 xa en marcha. Representantes de Concello e Xunta manterán xuntanzas periódicas e constantes para tratar diferentes temas importantes para a cidade que requiren a implicación dambas institucións.

Rogelio Martínez salientou que se tratou dunha reunión “cordial” e “frutífera” e que permitiu “darlle continuidade a colaboracións que xa estaban iniciadas” pero que, ás veces, foi difícil a súa xestión por falta dun interlocutor claro no anterior equipo de goberno municipal” .

“A nosa vontade é seguir traballando con intensidade, con diálogo e respecto institucional”, sinalou Martínez, ao tempo que amosouse confiado en que Jesús Vázquez afrontará esta nova etapa como rexedor municipal con acerto, xa que, subliñou, conta con cualidades destacadas como a “dedicación” ou a “capacidade de xestión”.