Antón Pulido

A Fundación Otero Pedrayo decidiu designar ao pintor de Amoeiro como Premio Trasalba 2015, valorando a súa carreira artística, a calidade e personalidade da súa obra como pintor e gravador.

Autoridades e intelectuais galegos participaron este domingo na entrega do Premio Trasalba 2015 a Antón Pulido, nun acto celebrado na Casa Grande de Cimadevila. Un galardón de carácter honorífico, non retribuido economicamente, que está representado por unha figura en bronce de Ramón Otero Pedrayo, obra do escultor Buciños.

A Fundación Otero Pedrayo decidiu designar ao pintor Antón Pulido (Bóveda, Amoeiro, 1944) como Premio Trasalba 2015, valorando a súa carreira artística, a calidade e personalidade da súa obra como pintor e gravador, así como o seu vencello á figura de Ramón Otero Pedrayo. Non en balde, foi este último quen apadriñou os inicios de Pulido e as súas primeiras exposicións no Ourense dos anos 70.

Licenciado en Pintura e Gravado pola Facultade de Belas Artes de Sant Jordi (Barcelona), a Pulido ten chegado coa súa obra, ademais de a todo o territorio español, a museos e galerías de Taiwán, Corea do Sur, China e Italia, entre outros países. Dentro da terra, a súa valía valeulle o recoñecemento como ‘Fillo predilecto de Amoeiro’ e como ‘Vigués distinguido’. Na actualidade a Xunta de Galicia colabora na difusión da obra do artista a través da exposición ‘Antón Pulido. Antolóxica’, que pasou xa polas cidades de Vigo e Ourense.

O premio Trasalba, que outorga a Fundación Otero Pedrayo, instituíuse no ano 1983 e celébrase no último domingo do mes xuño. Aínda que nun primeiro momento a galardoada había de ser unha persoa cunha clara vinculación, directa ou indirecta, coa figura e os ideais de Ramón Otero Pedrayo, a concesión hoxe en día céntrase máis no recoñecemento a referentes actuais da cultura galega. Agás o caso do premio póstumo a Agustín Sixto Seco, fundador e primeiro presidente da Fundación, sempre se concede a unha persoa en vida.

Felicitacións do conselleiro de Cultura

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, foi un dos que participou este domingo na entrega do Premio Trasalba a Antón Pulido, a quen felicitou personalmente. O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia gabou a traxectoria do pintor e o seu servizo á cultura do país, que desempeñou a través do seu labor como director xeral de Cultura da Xunta de Galicia e como primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Neste sentido, salientou a íntima relación do ourensán coa nosa terra ao longo de todo o seu itinerario vital, combinando na súa obra as imaxes da Galicia tradicional xunto coas técnicas e formas contemporáneas. Ao acto de entrega de galardóns asistiu, entre outras autoridades, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.