O lugar de Coedo, onde se ubica unha explotación gandeira de bois, foi o elixido polo Concello de Allariz para presentar as Xornadas de carne de Boi deste ano 2015.
O alcalde de Allariz, Francisco García, e o gandeiro Lois Gonzalez da explotación O Rego, presentaron os bois que se consumirán este ano, dende agora ate as Xornadas de Carne de Boi, que se celebrarán no mes de outubro.
Na edición 2015, catro dos nove animais son nacidos, criados e cebados en Allariz, e poderán degustarse tamén noutros momentos ademais das Xornadas que se celebrarán do 2 ao 18 de outubro. Nestes intres xa se está a comercalizar a primeira partida de carne de boi de Allariz no Mercado da Reserva da Biosfera que se celebra os sábados pola mañá na antiga Praza de Abastos de Allariz, a carón do río Arnoia.
Francisco García destacaba a importancia e o valor que ten para Allariz a produción e a comercialización de produtos locais, como o queixo de ovella, o leite ecolóxico, ou a cervexa artesá, entre outros, sendo a carne de boi tamén de grande valor. O alcalde agradeceu aos comuneiros do Monte de Penamá, á explotación o Rego de Coedo, así como a todos aqueles que contribúen cada ano para o desenvolvemento do proxecto de carne de boi de Allariz
Lois González resaltou as características dos animais que se consumirán este ano, boi de 5 anos, cun peso de 400 a 500 quilos, dos cales 4 son nacidos nos montes de Penamá e cebados en O Rego. Son animais de razas autóctonas: limiaos, vianeses e frieireses.