Unha nutrida representación do profesorado do CIFP Portovello acompañado polo estudantado, representantes sindicais e de grupos políticos fixo pública a súa posición diante da oferta de estudos aprobada por Educación.
O profesorado do CIFP Portovello opina que a oferta formativa recentemente aprobada pola Consellería de Educación para o vindeiro curso neste centro “deixa a cidade e provincia de Ourense nunha situación de clara discriminación territorial con respecto ás outras provincias”.
Coa supresión do réxime de persoas adultas presencial, “un importante número de alumnado que se tiña reincorporado aos estudos pola vía eliminada queda nunha situación de desprotección”, informan.
A xuízo do profesorado a alternativa de ”insertarse na modalidade de distancia é inviable, ou cando menos complicada, para un alumnado que carece de competencias dixitais e recursos propios desta modalidade non presencial (ordenador, liña de internet…)”.
Dáse o caso de que a eliminación da oferta de estudos dende o ensino público ourensán prodúcese ao tempo que os mesmos se ofertarán dende a privada.
No seu comunicado o profesorado solicita á Consellería “reverter a previsión, mantendo os estudos da oferta presencial para persoas adultas que se viñan impartindo no CIFP Portovello, sen que isto supoña un prexuízo na ampliación da oferta do mesmo”.