Colexios, bibliotecas, centros cívicos, Aula de Natureza e Espazo coeduca son os escenarios das diferentes actividades.

 

 

Máis de 1.000 escolares de Ourense participan nos programas de actividades de verán que organiza o Concello para proporcionar alternativas de lecer e formativas para os cativos durante as súas vacacións de verán ao tempo que facilitar a conciliación familiar e laboral. 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Educación, Belén Iglesias, asistiron este 1 de xullo no CEIP O Couto ao inicio das actividades de verán que organiza a Concellería de Educación neste centro, Irmáns Villar, Mestre Vide e Prácticas. Desenvolveranse durante o mes de xullo, de luns a venres, de 9 a 14 horas, e nelas participan 320 escolares de Educación Primaria.

A continuación, Jesús Vázquez e Belén Iglesias visitaron o Centro Cívico da Ponte, onde se desenvolven outras dúas actividades de verán. Por unha banda, as de animación á lectura que organiza a Concellería de Educación nas bibliotecas municipais de A Ponte, San Francisco e A Carballeira e no punto de lectura infantil do Couto. Neste caso, son 60 os nenos de 4 a 10 anos que participan nestas actividades, que se desenvolven durante todo o verán de 10.30 a 13horas.

A oferta de actividades de verán que organiza a Concellería de Educación inclúe tamén a Aula de Natureza do río Miño, onde 53 nenos durante o mes de xullo e outros tantos en agosto participarán en diferentes propostas de coñecemento e achegamento á natureza.

 

Centros cívicos e Espazo Coeduca

As actividades de verán do Concello desenvólvense tamén na rede de centros cívicos municipais, cun total de 160 cativos na primeira quincena das catro que haberá desde xullo ata agosto (600 participantes no total do verán).

A actividade está organizada por quincenas, con diferentes propostas lúdicas e formativas de luns a venres, de 10:30 a 13.00 horas. Outros 34 nenos participan desde hoxe no Centro Cívico Colón-Casco Vello, 25 en A Cuña, 25 en Seixalbo e 25 nas Termas.

Finalmente, Jesús Vázquez e Sofía Godoy asistiron ao inicio dunha nova edición de Espazo Coeduca, un programa que desenvolve a Concellería de Igualdade durante o verán. Ten como obxectivo crear un espazo de aprendizaxe lúdica e creativa onde se desenvolvan actividades que posibiliten que nenos se sintan protagonistas do seu propio proxecto vital e lles permitan vivenciar que o feito de seren mulleres ou homes ten a mesma importancia.

Un espazo igualitario de lecer, no que se desenvolven actividades de expresión corporal e dramatización, expresión plástica e artística, e cociña creativa. Participan durante o mes de xullo 30 nenos e outros 30 máis en agosto.