A farmacéutica ourensá Mafalda Soto Valdés e o director de cine gaditano José Manuel Colón falarán o próximo 16 de xullo da súa experiencia en África e dos proxectos desenvolvidos en Tanzania coa poboación albina.

A película “Black man White skin” (“Home negro pel Branca”) será proxectada en Ourense o vindeiro xoves día 16, ás 20 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. «Black man White skin» é un proxecto artístico e social que aborda a realidade dunha das poboacións máis esquecidas e maltratadas do mundo, as persoas albinas de África. Ademais de enfrontarse ao cancro de pel que reduce a súa esperanza de vida aos 30 anos, estas persoas son perseguidas por mafias locais para mutilalas e asesinalas con intención de vender os seus membros como talismáns de boa sorte.

Porén, esta película é un canto á esperanza, aos dereitos humáns e á loita contra o cancro. BMWS cóntanos diferentes historias que demostran como a solidaridade, o esforzo e a boa vontade contribúen a mellorar esta situación.

Unha de esas historias ten como protagonista á farmacéutica e cooperante ourensá Mafalda Soto Valdés, quen xunto a seu equipo tanzano desenvolveu nas faldras do mesmo Kilimanjaro a produción local de Kilisun, unha crema fotoprotectora que se distribúe gratuitamente a 3.000 persoas albinas.

Mafalda participará na conferencia previa á proxección do documental relatando en primeira persoa as experiencias vividas xunto a ese colectivo tan necesitado de apoio, os seus retos no día a día en Tanzania, e os seus novos proxectos vinculados a Galicia, como a creación dunha sede de Kilisun en A Coruña.

Xunto a ela estará o director da película José Manuel Colón, para falar das experiencias vividas durante a rodaxe da película. Rodada en Tanzania, España e Francia, conta coa participación do futbolista Iker Casillas, o Dr. Pedro Jaén e o seu equipo, o actor Óscar Jaenada ou o cantante Salif Keita. «BMWS» contou coa colaboración do Real Madrid CF, o FC Barcelona, a Unesco, Canal Sur e a Junta de Andalucía.