O Campo da Saleta acollerá este domingo 5 de xullo unha nova edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano chega á súa 24ª edición cun amplo programa de actividades.
A presentación do programa tivo lugar na Deputación de Ourense e contou coa presenza do presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida “Pan de Cea”, Carlos Rodríguez; do secretario da IXP, Ricardo Losada; do presidente do ente provincial, Manuel Baltar; e do alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares.
Carlos Rodríguez destacou o traballo que realiza a IXP para incrementar o número de persoas que, ano tras ano, participa na Festa de Exaltación do Pan de Cea. Para conseguilo, “ofrecemos un programa cargado de actividades para toda a familia e no que non faltarán a gastronomía galega da máxima calidade, a música e, como non podería ser doutro xeito, as pezas de Pan de cea que os fornos producirán para a ocasión”. A previsión é que se poidan degustar durante o domingo arredor de 1.500 pezas de pan, que se venderán a un prezo de 2,50 euros por unidade.
Showcookings o sábado
Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 5 de xullo, xa para o sábado 4 de xullo están preparadas varias iniciativas, entre elas a celebración de até tres showcookings na Praza Maior de San Cristovo de Cea. O primeiro, un Showcooking Júnior, terá lugar a partires das 17.30 horas e ofrecerá cociña en vivo para os máis cativos. A participación é totalmente de balde, se ben os interesados deberán apuntarse previamente na propia Praza Maior, minutos antes do inicio do showcooking. A continuación, a chef Enma Pinal ofrecerá dous showcookings, ás 19.15 horas e ás 20.30 horas. Cada unha das sesións ten un aforo de 25 persoas, que deberán anotarse previamente na Praza Maior.
Paralelamente, os visitantes tamén terán a oportunidade de participar nunha ruta gastronómica polos fornos antigos de Pan de Cea. O percorrido comezará ás 19.00 horas e levará aos participantes polas instalacións dos fornos de Lodairo, da Parapeta, do Santo e do Abade. En cada uno deles poderán degustar un viño (no do Parapeta haberá cervexa) e un pincho con produtos doados polos colaboradores na Festa de Exaltación do Pan de Cea. A xornada do sábado pecharase cun concerto de jazz de David Regueiro Swingtet, a partires das 22.30 horas na Praza Maior.
Domingo 5 de xullo
A xornada grande da XXIV Festa de Exaltación do Pan de Cea, o domingo 5 de xullo, comezará ás 10.00 horas, cos tradicionais pasarrúas a cargo de charangas. Ás 12.30 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta. O pregón chegará ás 13.00 horas da man do profesor Avelino Muleiro García, encargado de dar o discurso que inaugurará oficialmente a festa. A continuación, actuarán as Pandereteiras de Cea e charangas.
Veciños e visitantes poderán participar na degustación popular de produtos galegos con distintivos de calidade, que tamén serán os protagonistas do menú do tradicional xantar da Festa de Exaltación do Pan de Cea. O xantar comezará ás 14.30 horas. As degustacións continuarán á tardiña, arredor das 20.15 horas, cunha degustación gratuíta de mexilóns, doados por Amegrove S.C. e Pan de Cea.
A sesión vermú e a verbena de fin de festa correrá a cargo dunha afamada orquestra.
Servizos de autobús o sábado, por primeira vez
Este ano, como novidade, a organización da festa ofrece dous servizos de autobús, un desde Ourense e outro desde O Carballiño, para facilitar a asistencia de público ás actividades do sábado pola tarde.
O transporte desde Ourense saírá ás 17:30 horas desde o Parque de San Lázaro, con paradas na gasolineira do Vinteun, na gasolineira de Cambeo, en Tamaiancos cruce Amoeiro, en Faramuntaos, en Viduedo, en Casas Novas e en Cea. O regreso será ás 22 horas. Desde O Carballiño, o autobús partirá ás 18 horas, en concreto desde a Praza Roxa. Parará en Seoane, San Facundo e Cea. Voltará tamén a partir das 22 horas.