Xunta de Goberno local de Ourense

A Xunta de Goberno aprobou tamén un reformado do proxecto de rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña, cun orzamento de 106.535 euros.

 

A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense acordou conceder á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia licenza urbanística de obra para proxecto básico e de execución de obras de substitución e reparación de cubertas no IES Universidade Laboral de Ourense, segundo proxecto básico e de execución redactado pola arquitecta Cristina Andrés Blanco, e cun orzamento de execución material de 204.160,30 euros.

O edificio en cuestión fora un ben catalogado no PXOM 2003. Non obstante, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou o 29 de setembro de 2011 unha ordenación provisional na que se inclúe manter a vixencia do catálogo do PXOM 2003.

O proxecto aprobado consiste na reparación dalgunha das cubertas que forman o cdntro, así como da reparación interior do acabado (pinturas) nas zonas que foron deterioradas pola humidade. Estas son o hall de acceso, as aulas de plástica, audiovisuais, laboratorio, bibliteca, sala de caldeiras e dous tramos de corredor. Renovaranse as cubertas nestas zonas, procedendo á retirada das pranchas de fibrocemento existentes na actualidade e no seu lugar colocaranse paneis «sandwich» de chapa prelacada. Sacaranse tamén as baixantes ao exterior cunha solución semellante á xa empregada noutros casos neste mesmo edificio.

Pasarela do Barbaña

Na mesma sesión tamén foi aprobado o modificado do proxecto de «Rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña», presentado no rexistro xeral do Concello con data de 26 de maio de 2015 e, na súa consecuencia, modificar o punto primeiro do acordo da XGL de 28 de decembro de 2014 (que fixaba o seu orzamento en 100.499,56 euros, IVE incluido), no senso de fixar o orzamento de actuación nun total de 106.535,30 euros (IVE engadido).

O proxecto de rehabilitación da pasarela peonil sobre o río Barbaña consistirá en retirar o deteriorado pavimento, instalar un pavimento novo tamén de madeira, xa que é o que permite a estrutura; en pintar a pasarela e facer unha completa remodelación da estructura.

Por último, na xunta de goberno desta mañá tamén se aprobou un convenio de cooperación educativa entre o Concello de Ourense e a Universidade de Vigo para a realización de prácticas académicas externas que faciliten o futuro desenvolvemento profesional dos estudiantes e o acceso ao mercado laboral dos titulados universitarios.