Na fin de semana do 26 ao 29 de xuño descoñecidos substraeron dunha furgoneta propiedade do Concello un cortasetos e dúas bobinas de nylon valorados nuns 700 euros.

O Concello de Ourense presentou denuncia na Policía Local pola substracción de tres ferramentas de xardinería dun vehículo municipal. Trátase dun cortasetos valorado en 639 euros e dúas bobinas de nylon, valoradas en 39 e 42 euros, respectivamente, en bo estado de conservación, que se atopaban no interior dunha furgoneta aparcado no garaxe no que se garda a flota de vehículos da Concellería de Medio Ambiente, baixo o matadeiro municipal.

O roubo puido acontecer, segundo consta na denuncia, entre as 14 horas do venres 26 de xuño e as 7 da mañá do luns 29 de xuño. Tamén se indica na denuncia, presentada pola capataz de xardíns da Concellería de Medio Ambiente, que os operarios acostumaban deixar o vehículo aberto e coas chaves no seu interior, e que a porta de acceso ao garaxe non se atopaba danada.

A este respecto, o concelleiro de Infraestruturas, Servizo Eléctrico, Medio Ambiente, Limpeza Viaria e Transporte Público, Pepe Araujo, afirmou que o novo goberno “estamos aquí para controlar e para defender os intereses xerais, e que todo o mundo saiba que as cousas do Concello non son para uso particular”.

Araujo fixo estas declaracións ao remate da Xunta de Goberno local deste xoves. No encontro cos medios de comunicación, o edil popular sinalou que están a recibir “centos de demandas todos os días” e por diferentes vías sobre bancos rotos, beirarrúas levantadas, árbores secos… “Isto estaba un pouco abandonado, por dicilo dunha forma suave”, valorou, apuntando a que “hai un gasto importante que pagamos todos que ten que ver co vandalismo”.

En relación a esta problemática, o voceiro do goberno, Francisco González, indicou que se plantexan a posibilidade de crear unha Policía Medioambiental, unha idea que recoñeceu vai levar tempo desenvolver, dada a limitación de efectivos e o problema importante de idade na plantilla da Policía Local.

Incumprimentos da concesionaria do mantemento de parques
O edil popular tamén se referiu á empresa que ten adxudicado o mantemento dunha parte importante dos parques da cidade, da que dixo que “non está a cumplir coas súas obrigas”. Por este motivo, técnicos municipais están analizando os incumprimentos para descontar das facturas os traballos que non se están realizando. Ademais, o Goberno local estuda descontar do aval todo aquelo que non cumpriu. “Comentábanme os técnicos que adquiriu o compromiso de entregar mil árbores e non o fixo”, apuntaba Araujo.

Paralelamente, o grupo de goberno traballa na nova adxudicación do mantemento de parques. “A máxima prioridade é que se adxudique canto antes”, recalcou.

O concelleiro de Limpeza Viaria tamén indicou que se convocou a mesa de negociación coa adxudicataria do servizo de limpeza “para chegar a un acordo naquelas diferenzas que había na interpretación do prego e para arranxar un bloqueo que afectaba directamente á cidade”.