Os deputados Juan Fajardo e Ramón Vázquez denuncián a liquidación de estudos para a atención de persoas con dependencia na provincia máis envellecida do Estado.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria para esixir da Consellaría de Educación a «inmediata reposición» dos módulos de Formación Profesional suprimidos no instituto Portovello de Ourense. Entre as materias liquidadas pola Xunta, salientan os deputados Juan Fajardo e Ramón Vázquez, atópase o que forma o alumnado en atención de persoas en situación de dependencia. “Isto, amais de ser unha barbaridade en termos educativos”, sinalan Fajardo e Vázquez, “tamén o é en emprego, xa que falamos da provincia máis envellecida do Estado e onde estes traballos teñen máis solicitude”.

A decisión do departamento de Educación do Partido Popular é “claramente discriminatoria” para Ourense. Amais de eliminar o ciclo modular de atención á dependencia, tamén retalla os ciclos de educación infantil e o de administración e finanzas. “A medida afecta mesmo a moitos alumnos e alumnas que xa iniciaron a súa formación neses módulos e que non os poderán rematar”, denuncian. “Esta política de retalladas vai en contra, ademais, da suposta intención do Goberno de Feijóo de facilitar itinerarios formativos a persoas desempregadas”, engaden os parlamentarios de AGE, “xa que son estes sistemas modulares os que permiten compatibilizar formación e procura de emprego ou emprego eventual, o único que se crea arestora en Gz”.