O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, mantivo un encontro en Madrid con Antonio Fernández Ecker, subdirector xeral de apoio á peme da Dirección Xeral de Industria.
O Concello de Ourense vé de establecer contacto institucional co Ministerio de Industria para iniciar liñas de colaboración e cooperación co fin de activar políticas municipais destinadas a fomentar a cultura emprendedora e empresarial na cidade.
Deste xeito, o concelleiro de Promoción Económica e Cooperación Institucional, Jorge Pumar, mantivo unha reunión de traballo en Madrid con Antonio Fernández Ecker, subdirector xeral de apoio á peme da Dirección Xeral de Industria. Nesta reunión, «nun completo clima de cooperación institucional», indicaron fontes municipais, establecéronseas bases para o deseño e posta en marcha de políticas activas que redunden na xeración de emprego, o apoio á cultura emprendedora e ás pequenas e medianas empresas.
Un dos obxectivos deste contacto institucional é a posta en valor do Centro de Iniciativas Empresariais, unha dependencia municipal na que dende o goberno municipal se lle quere ampliar contidos adicados ao apoio expreso aos emprendedores. De feito, o concelleiro Jorge Pumar explicoulle ao subdirector xeral de Industria que o fomento do emprego e o emprendemento é un dos eixos fundamentais e transversais no programa de goberno liderado polo alcalde, Jesús Vázquez.