No que respecta ao mercado, o Goberno municipal prepara un prego de condicións para sacar a concurso os postos cunha fórmula que garanta o seu futuro.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitou este xoves o barrio da Ponte, onde mantivo xuntanza coa asociación de veciños e visitou as instalacións aínda pechadas da Praza de Abastos. “En breve queremos darlle uso, especialmente á planta de arriba, para ludoteca e espazo para a asociacións de veciños”, explicaba o rexedor, que sinalaba o feito de que o edificio fora recepcionado sen conexión á rede eléctrica como o motivo na tardanza da súa apertura. Unha falta de servizo eléctrico que tamén ocasionou o deterioro da zona verde da praza Luis Fernández (situada tralo edificio), que deberá ser arranxado outra vez.
Vázquez tamén anunciou a apertura “de maneira case inmediata” do parque infantil que se ubicará nesta praza, cuxa instalación de xogos está prácticamente conncluída. Nesta área o Concello investiu ao redor de 39.000 euros.
Postos do mercado
No que se refire á planta principal da Praza de Abastos da Ponte, a que se destinará a mercado, o grupo de goberno está a traballar no prego de condicións para adxudicar estas instalacións co obxectivo de que se convirtan nun “elemento dinamizador da zona”.
Preguntado se continuaría coa idea do anterior goberno de adxudicar todo o espazo a unha empresa, Jesús Vázquez precisou que “actualmente non había proposta, practicamente atopamos o prego sen condicións, só facía un resumo: oito postos máis unha cafetería-bar”. Por tanto a fórmula de explotación está aínda por decidir; o alcalde explicou que se reunirán con asociacións e cos veciños, recabarán información e verán proxectos similares noutras cidades para poñer en marcha “un proxecto de futuro para o barrio”. “O que non nos gustaría é abrir a Praza de Abastos de maneira inicial para que despois aos dous ou tres meses puidera ser novamente un espazo baleiro”, recalcou. Vázquez agarda que o mercado pontino poida ser unha realidade ao longo do ano 2016.
Outras infraestruturas pendentes de uso
Durante esta visita a A Ponte, o rexedor referiuse a outros edificios municipais pendentes de abrir ou de darlle un uso determinado. Así, Jesús Vázquez citou os casos da Molinera, o Centro de Novas Tecnoloxías ou a propia Casa da Mocidade. O alcalde pediu uns meses para analizar “no seu conxunto” estas infraestruturas e “ver que posibilidades temos” de xeito que o Concello poida aforrar en alugueres doutras dependencias municipais e ao mesmo tempo responder ás demandas de espazos por parte de entidades e asociacións. “En todo caso require dunha planificación que quizais foi o que non houbo ata este momento”, valorou o político popular.
Xuntanzas coa ministra e co presidente da Xunta
Vázquez adiantou aos medios de comunicación os temas máis relevantes que tratará nas súas reunións deste venres e luns coa ministra de Fomento e o presidente da Xunta, respectivamente. Con Ana Pastor, a quen xa lle entregara un dossier coas necesidades de Ourense na súa visita institucional ao Concello o mes pasado, analizará a integración do AVE na cidade e a creación dunha comisión sobre a estación intermodal. “Ela adquiriu un compromiso de poñela en marcha este mes, estamos xa co tempo moi xusto pero en todo caso queremos levar a cabo ese compromiso, que poidamos traballar as catro administarcións (Ministerio, Xunta, Deputación e Concello) conxuntamente no que é esa estación intermodal”, recordaba o rexedor.
A circunvalación norte, a Praza de Abastos nº 1 ou o mantemento das estradas que son titularidade do Ministerio son outros dos asuntos que estarán riba da mesa.
Canto á xuntanza con Alberto Núñez Feijoo, de novo serán a chegada da alta velocidade e a estación intermodal os temas que centren o interese do alcalde, pero tamén “proxectos relacionados co PXOM e co desenvolvemento termal”.