Estas prazas sumaranse ás 548 existentes nesta área comarcal e beneficiarán ás familias que figuran na lista de agarda.
A Xunta porá a disposición das familias de Ourense un total de 58 novas prazas públicas de 0-3 anos no próximo curso escolar 2015-2016, que estarán financiadas con fondos da Administración autonómica a través do sistema de concerto. Estas prazas sumaranse ás 548 públicas existentes nesta área comarcal.
Poderán acceder a estas prazas as familias que formen parte da lista de agarda das escolas infantís para o próximo curso escolar na rede pública autonómica. A Xunta comunicará aos solicitantes a oferta da praza e, no caso de que o solicitante acepte, deberá remitir un formulario nun prazo de cinco días naturais. Resolto o procedemento, disporá doutros cinco días naturais para formalizar a matrícula. A familia aboará á escola infantil o mesmo prezo público establecido para as escolas públicas da Rede.
Para levar a cabo esta medida, que en toda Galicia suporá o concerto de preto de 500 novas prazas, o Goberno galego convocou por primeira vez un concurso público ao que destinará 6,5 millóns ata 2018. Para este primeiro curso prevese unha contía de 1,9 millóns de euros.
Esta primeira fase, céntrase nas áreas de Galicia cunha maior demanda de escolas infantís públicas, as sete grandes cidades e as súas áreas metropolitanas. Estas novas prazas súmanse ás de titularidade pública da Xunta, que forman parte da Rede A Galiña Azul, e ao resto de modalidades financiadas pola administración autonómica.
Esta actuación busca fundamentalmente reforzar e complementar a aposta do Goberno galego pola conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, ao tempo que contribúe a que os equipamentos e instalacións en funcionamento de Galicia incrementen a súa ocupación e poidan manter os seus postos de traballo.