Noela Blanco censura a eliminación do Ciclo Medio de Xestión Administrativa un día antes de comezar o prazo de preinscrición no centro da Limia.
A deputada socialista Noela Blanco vén de trasladar ao Parlamento o desmantelamento o IES Cidade de Antioquía, de Xinzo da Limia. A parlamentaria ourensá anuncia iniciativas parlamentarias sobre a eliminación do Ciclo Medio de Xestión Administrativa o pasado 16 de xuño, un día antes de comezar o prazo de preinscrición.
A deputada socialista, xunto coa portavoz do PSdeG no Concello, Elvira Lama, denuncian que “a Xunta volve castigar á comarca co seu intento de desmantelar o IES Cidade de Antioquía, que sufre dende hai anos retallos nos seus ciclos”. Acusan á Xunta de comunicar a súa decisión “tarde, mal e a rastro” ao publicalo no DOG o 16 de xuño, “dando de novo as cosas á comunidade educativa”.
Noela Blanco advirte que o goberno galego “deixa en desamparo aos estudantes” que se están formando nesa titulación, amosando “falla de interese pola formación e a inserción laboral das mulleres, que son a maioría das que cursan esta titulación, e as mais afectadas pola grave situación de desemprego na que se atopa a comarca”.
Lamenta que a Consellería “non aporta ningunha solución ao estudantado mais que a de aceptar con resignación as súas políticas, obrigando aos que queiran formarse e insertarse no mercado laboral a facelo lonxe do medio rural, ao que as políticas do señor Feijóo están transformando nun deserto de oportunidades”.
Apunta que “nunha comarca que conta cunha poboación moi envellecida e cunhas das maiores taxas de dependentes de todo o Estado, na que existe polo tanto unha alta demanda de profesionais dedicado ao coidado dos mesmos, non se impartan titulacións relacionadas cos servizos sociais”.
Engade que “dende o PSdeG-PSOE seguiremos defendendo centros formativos no medio rural, que contribúan a reducir o despoboamento que está a sufrir, e dende o Parlamento de Galicia farémolo presentando iniciativas para dotalos dos medios materiais, humanos e formativos que garantan un ensino público de calidade e a creación de novos ciclos adaptados ao tecido produtivo para contribuír deste xeito á reinserción laboral na comarca da Limia”.