Reunión subdelegado do Goberno con edís Pumar e Godoy

O subdelegado do Goberno en Ourense valorou moi positivamente a posición do Ggoberno municipal de Ourense no senso de incrementar as prazas destinadas a estes servizos sociais.

 

O subdelegado de Goberno en Ourense, Roberto Castro, e o director do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, José Ángel Vázquez, mantiveron una reunión cos concelleiros de Servizos Xerais, Jorge Pumar, e Benestar Social, Sofía Godoy do Concello de Ourense. O obxectivo desta xuntanza é estudar o xeito de reforzar a colaboración no desenvolvemento do convenio asinado entre Institucións Penitenciarias e o Concello para que persoas que deben cumprir penas de traballo en beneficio da comunidade poidan realizalas no Concello de Ourense.

O Goberno municipal quere reforzar este convenio, xa vixente, para que máis persoas teñan a oportunidade de beneficiarse del (16 no transcurso do presente ano 2015), integrados nunha brigada social municipal. Tamén pretende o Concello, que as persoas participantes o fagan durante períodos máis longos de tempo, que lles permitan cubrir as horas que deben prestar en beneficio da comunidade e ao tempo lle dean estabilidade e continuidade ás brigadas nas que participan.

O subdelegado do Goberno valorou moi positivamente a posición do Goberno municipal que lle trasladaron os dous concelleiros, no senso de incrementar as prazas destinadas a estes servizos sociais.

Pola súa banda, os edís populares incidiron na vontade do goberno municipal de reforzar este convenio, así como o papel de Ourense como cidade integradora, que dá esta oportunidade de participar nas brigadas municipais, cumprir coas súas penas, e ao mesmo tempo, prestar servizo á comunidade.

Na reunión delimitáronse as áreas que poden ser susceptibles de actuación polas persoas que se atopan nesta situación: o coidado de zonas verdes, a limpeza de carteleira ilegal e pintadas, a conservación de instalacións municipais, o fogar do transeúnte e o reforzo de programas de carácter social e xuvenil.

Este programa é coordinado no Concello pola Área de Servizos Xerais. No ano 2010 participaron 17 persoas penadas, en 2011 foron 21, en 2012 foron 34, en 2013 foron 36, en 2014 foron 30 e en 2015, ata hoxe, son 16. Destas persoas, 39 realizaron ata 30 horas, 59 fixeron entre 30 e 60, 26 entre 60 e 100 e 30 realizaron máis de 100 horas.