O 21 de xullo, ás 20:30 horas, voltarán reunirse nas dependencias da CIG de Verín.
Vén de constituírse a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública na comarca de Monterrei, coa participación de profesionais do sector sanitario, sindicalistas da CIG e CCOO, e políticos de PSOE e BNG, ademais de veciños a título particular.
Na primeira xuntanza, o pasado 10 de xullo, a Plataforma anunciou unha manifestación para reivindicar a apertura do servizo de urxencias pechado polo PP no centro de saúde de Verín e a dotación das estruturas e persoal necesario “en todos os puntos de atención médica da bisbarra”.
Eivas da sanidade
Na xornada constitutiva da Plataforma, os asistentes chegaron a unha conclusión “unánime” sobre a situación que atravesa a sanidade pública en Monterrei. Así, e segundo indican nun comunicado, cren que a Consellería de Sanidade ten feito “unha clara aposta pola sanidade privada en detrimento da pública”.
Ademais, non se están a cubrir as vacantes de persoal médico, de enfermaría e do resto de persoal, nin as ausencias dos facultativos, “mantendo en espera de atención aos seus enfermos até a súa reincorporación”. Denuncian tamén que se están a realizar contratos a media xornada e por días alternos para cubrir servizos, e desvíanse servizos de atención hospitalaria a atención primaria.
No que respecta ao servizo de urxencias, táchano de “auténtico despropósito”, pois obriga aos pacientes a desprazarse, falta espazo para “unha atención digna”, as temperaturas nas dependencias son “insufríbeis” e o tempo de espera “multiplícase”, entre outras queixas.
O martes 21 de xullo, ás 20:30 horas, voltarán reunirse nas dependencias da CIG de Verín.