Jesús Vázquez convocará nos próximos días aos portavoces dos grupos municipais para informarlles dos resultados das xuntanzas recentemente mantidas coas diferentes administracións para impulsar
proxectos estratéxicos para a cidade.

 

A petición do voceiro socialista de que o alcalde convocase unha xunta de voceiros para informar das súas reunións con Ana Pastor e Alberto Núñez Feijoo non tardou en ser contestada. Jesús Vázquez convocará aos voceiros dos grupos políticos municipais en próximas datas, segundo anunciou este martes o portavoz do goberno municipal, Francisco González. González subliñou que o grupo de goberno aposta pola transparencia en relación ás xestións que realiza para poñer en marcha a cidade e desbloquear proxectos que por diferentes motivos non sairan ata agora adiante.

Entre eles, mencionou, hai «proxectos novos, propios do actual goberno municipal», como as obras que se pretende realizar de mellora da Ponte de Tarascón ou do acceso a Barrocás desde a rúa ramón Puga, a mellora de infraestruturas deportivas ou o novo albergue de peregrinos, como outros que veñen de atrás como os do Museo Arqueolóxico, a reforma da Praza de Abastos nº 1, entre outros, como o transporte metropolitano que, destacou, «é un proxecto que beneficia a todos: tanto á cidade como aos concellos limítrofes».