Trátase dun conxunto de actividades lúdico- culturais que se desenvolverán desde o próximo día 23 de xullo ao obxecto de dinamizar a fortaleza.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalou que o carácter público da fortaleza de Monterrei sae reforzado logo da súa rehabilitación e co desenvolvemento do programa ‘Vive o castelo’ . Trátase dun conxunto de actividades lúdico- culturais que se desenvolverán desde o próximo día 23 de xullo ao obxecto de dinamizar a contorna do Castelo de Monterrei de xeito que, segundo manifestou Nava Castro, o propio edificio e os espectáculos programados amplíen a oferta turística deste territorio.
Este programa é posible tras o remate do proxecto de rehabilitación do conxunto arquitectónico, “que tiña como obxectivo prioritario a súa revitalización para usos culturais e turísticos”, afirmou Castro, xa que, remarcou “o noso compromiso radicou sempre en poñer en valor un dos bens culturais máis importantes de Galicia e garantir o seu uso público”.
A directora de Turismo de Galicia rexeitou as críticas polo resultado da rehabilitación feitas pola Plataforma en defensa do Castelo, en particular ao material utilizado na entrada do recinto. “Non é cemento, é como unha especie de zahorra; a rehabilitación cumple con todos os requisitos de Patrimonio e técnicos”, explicou Castro, que animou a visitar a fortaleza e participar na visita guiada que este sábado 18 se realizará co tren turístico de Monterrei.
Castro anunciou que para setembro a Xunta acometerá as últimas obras pendentes, as do acceso principal, que incluirán a renovación dos servizos de saneamento e abastecemento.
No que se refire ao Parador que se ubicará no recinto, a Xunta de Galicia descoñece a data exacta na que abrirá, aínda que Castro estima que será “ao longo do verán”.
Actividades
‘Vive o castelo’ componse de actividades para que toda a familia poida gozar desta acrópole, con variedade de propostas culturais, que “engloban desde o aspecto máis cultural, co coñecemento do propio castelo, ata o máis festivo con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, circo e contacontos, entre outras”, afirmou a directora xeral.
Dentro destas actividades, no ámbito da divulgación cultural, Nava Castro referiuse á mesa redonda que se celebrará o día 23 de xullo baixo o título ‘Monterrei ao longo dos séculos’.
Ademais, haberá nove visitas guiadas e teatralizadas que terán lugar cada xoves entre os días 23 de xullo e 20 de agosto.
Estas visitas estarán acompañadas doutras actividades como a actuación do trío ‘Talabarte’, formado por un violinista, un contrabaixo e un acordeonista; que ofrecerán un concerto onde presentarán os temas do seu próximo disco ‘Ao son da cociña: music and food experience” e os asistentes terán a oportunidade de degustar petiscos nunha mostra de cociña a cargo do chef Xián Herrera.
Nava Castro lembrou tamén a celebración da ‘Gala de circo no castelo’, na que participarán tres compañías, un presentador e unha banda de música ao vivo nun espectáculo para todos os públicos.
Luís Iglesias será o condutor desta gala na que participarán o ‘Mago Teto’, o ‘Circo Chosco’, a ‘Compañía dos sete magníficos’ máis un e un grupo de galopíns musicais coñecidos con nome de ‘Magnifique bande dos homes sen medo’.
No mes de agosto, as actividades centraranse na música coas actuacións de Emilio Rúa, Uxía e Narf.
A programación tamén inclúe unha xornada máxica na que as persoas que visiten a fortaleza poderán descubrir os seus recantos a través dos contos e da música a través de ‘Castelo de contos’, que englobará as actuacións de ‘Os quisquilláns’ e ‘Daboapipa’, así como a do músico e actor Paco Nogueiras.
A programación de ‘Vive o castelo’ rematará con outra edición de ‘Música no castelo’, que nesta ocasión contará coas actuación de Guadi Galego e ‘Guezos’.
En definitiva, -rematou Nava Castro- con este programa preténdese o achegamento tanto da poboación local como dos visitantes a “esta magnífica acrópole”, e incrementar os fluxos turísticos cara á zona de Verín- Viana, que o ano pasado recibiu máis de 33.000 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, cun incremento dos estranxeiros dun 24% en relación ao ano anterior.