A ampliación do hospital contará con paneis solares intelixentes e a caldeira de biomasa máis grande de Galicia.
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou este venres o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense onde, en paralelo co avance das obras do novo edificio de hospitalización, vanse completando etapas nos distintos proxectos incluídos no Proxecto Hospital 2050 de innovación sanitaria, agora coa instalación e posta en marcha dun innovador sistema de captación solar para reconverter a luz do sol en enerxía térmica, que completa así o mix enerxético. Esta iniciativa enmárcase dentro do subproxecto Hospital Autosostible, adxudicada á empresa Ferrovial S.L. por un importe de case 2,7 millóns de euros.
O obxectivo é o aproveitamento biosostible de enerxías renovables, control dos consumos enerxéticos e redución das emisións á atmosfera de CO2. Para tal fin, tanto o novo edificio de hospitalización como o resto do complexo, contarán cun mix enerxético que combinará fontes de enerxía solar fotovoltaiaca, de biomasa (coa caldeira máis grande do seu tipo en Galicia), de coxeración, enfriadoras, de absorción, ORC e solar térmica.
“Queremos que o hospital sexa autosostible, que non necesite, ou de maneira residual, enerxía eléctrica e combustibles fósiles”, explicaba a conselleira ao remate da visita. En concreto, no CHUO “conséguese un aforro do 15,26% de consumo de enerxía primaria e unha redución nas emisións de CO2 á atmósfera do 53,17% respecto ao modelo tradicional utilizado” informou Mosquera.
Estes proxectos de optimización do consumo enerxético representa unha oportunidade para reducir o gasto, permitindo redirixir o aforro e crear outras partidas que xeren valor engadido para os pacientes e os profesionais.
Neste senso, Mosquera subliñou que “nun complexo hospitalario tipo da nosa Comunidade, a factura enerxética oscila entre os 3 e os 8 millóns de euros. Considerando que a nosa rede asistencial conta con 14 hospitais e case 500 centros de saúde, a marxe de aforro parece clara”.
Calor solar para climatización e auga quente
Precisamente para a xeración de enerxía solar térmica, o CHUO ven de instalar 17 captadores solares parabólicos, unha das últimas innovacións do mercado enerxético de alta eficiencia, que permiten concentrar a luz solar para convertila en enerxía eléctrica e térmica.
Estes equipos, de produción sueca, foron montados na cuberta da sala térmica do CHUO, cunhas dimensións de entre 10 e 6 metros, e permitirán xerar unha media de de 59.144 kw. de media anual, que se aproveitará para quentar auga corrente (ACS), a dos circuítos de calefacción e tamén, para xerar tanto frío como calor, nos sistemas de climatización.
Tamén no marco do Proxecto H2050 – Hospital Autosostible, o complexo vén de instalar mais de 4.000 metros cadrados de paneis solares, situados nas cubertas dos edificios Cirúrxico, Cristal e Materno Infantil, e se puxo en marcha a nova central térmica de biomasa.
Prazos previstos
Con respecto ao novo edificio de hospitalización, a titular de Sanidade afirmou , tras reunirse coa empresa, a xerente do CHUO ea directora de Recursos Económicos, que “estamos cumprindo prazos na obra e en toda a parte de innovación, é a garantía que me dan e espero que se cumpra”.