Reunión na Casa dos Poetas

A Fundación Curros Enríquez acordou, por unanimidade, concederlle o XXXI Premio “Celanova, Casa dos Poetas” ó Centro Unión Orensana de la Habana, polo seu compromiso histórico con Galicia, coa cultura galega e dun xeito moi especial coa figura de Manuel Curros Enríquez.

 

A Fundación Curros quere simbolizar con este recoñecemento ós responsables actuais da Unión Orensana de La Habana, as moitísimas débedas de que identidade galega ten coa sociedade galega da Habana, de onde proceden os principais símbolos que nos representan, como son a bandeira galega, o himno galego e mesmo a Real Academia Galega, en cuxa xestación tanto tivo que ver no seu momento o propio Manuel Curros Enríquez. Así mesmo, este agradecemento xenérico coa colectividade galega da Habana conta tamén cunha circunstancia certamente singular e de carácter vital para a Fundación, xa que se non fose por que no ano 1927 os responsables da Unión Orensana de la Habana non mercaran por 16.000 pesetas 2/3 da vivenda familiar dos Curros Enríquez, hoxe o proxecto da Casa dos Poetas probablemente nin tería razón de ser nin existiría.

O XXXI premio “Celanova, Casa dos Poetas” será entregado o domingo 6 de setembro en Celanova, como adoita ser habitual, nunha xornada que tamén servirá para lembrar novamente a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 36 cabodano da súa morte.

Balance e próximas actividades

A reunión, como non podía ser de outra maneira, comezou cun punto centrado nas xestións da Fundación Curros Enríquez tras ós terribles acontecementos sucedidos en marzo en Vilanova dos Infantes. Deuse conta das iniciativas realizadas en homenaxe a Don Adolfo e, por suposto, á Virxe do Cristal popularizada por Curros Enríquez en 1877 tras gañar un certame literario convocado polo Heraldo Gallego cun poema sobre a sua lenda. Un dos proxectos que se destacou é a homenaxe escolar na que están a participar 66 centros de toda Galicia. Trátase da gravación da lectura do poema en distintos puntos de Vilanova dos Infantes e Celanova polos colexios que tiñan programada a súa visita para 2015. Actualmente estase en contacto con varios centros que se quixeron sumar a esta homenaxe e que remitirán a súa gravación para poder completar este traballo audiovisual dunha duración aproximada de 1 hora e 30 minutos e que formará parte dun espazo expositivo centrado na Virxe do Cristal.

O Padroado da Fundación debateu sobre un ambicioso programa de actividades que vai máis alá dun mero programa anual e que pretende servir de guión de traballo para o funcionamento continuo da entidade do que destacamos a decisión de continuar asumindo a xestión turística de diversos espazos, principalmente a Torre de Vilanova dos Infantes, mediante a contratación de persoal para a súa atención e apertura ó público. O ano 2015 será un ano no que a Fundación Curros Enríquez aprobou ter unha maior presenza na promoción turística e comercial da vila de Celanova, como xa se está a advertir coa posta en marcha de iniciativas coma a ruta ’Pinchos da miña terra’ na que participaron dezanove establecementos hosteleiros e na que xa prestaron colaboración numerosas empresas da zona. Nesta liña, un dos proxectos que esta comezando o seu despegue é a posta en marcha da páxina compraencelanova.com, que conta xa co interese expreso dunha parte significativa do comercio local e que actualizará e fará máis visible a oferta comercial de Celanova.

Durante a reunión tamén se foron aprobadas as bases definitivas para a inminente creación dun premio de xornalismo para profesionais novos e que será presentado durante o mes de agosto, así como a posta en marcha de diversas iniciativas destinadas a conmemorar o Centenario do nacemento de Pepe Velo que terá lugar o día 21 de abril 2016.