O presidente da AVV Agarimo, Manuel Carnero, achéganos aos problemas do barrio da Cruz Alta.
Falamos con Manuel Carnero, presidente dende fai 15 anos da asociación de veciños Agarimo, do barrio da Cruz Alta. A través da súa propia experiencia coñecemos como foi mellorando esta zona e todo o que queda por facer nela. Pero para iso pide políticos humildes, que non mintan, que traballen e busquen mellorar a cidade.
Cando se fundou a AVV Agarimo e dende cando é vostede o seu presidente?
Manuel Carnero: “Fundouse en 1987 e eu son presidente dende o 2000. Entrei nun momento no que os que estaban querían marchar, pero eles fixeron un gran labor, o barrio mellorou moito estando eles e tamén estando eu”.
En que aspectos foi mellorando o barrio nestas décadas?
M.C.: “Este barrio estaba moi atrasado, as rúas non tiñan nin nome, os carteiros volvíanse tolos. Iso conseguiuno o primeiro presidente. Os camiños eran de terra e xa hai tempo que están asfaltados; o alumeado eran velas, non se vía nada, iso mellorouse estando eu, a poder de insistir, cambiáronse moitas farolas e puxéronse 35 novos puntos de luz, foi un adianto moi importante.
Conseguimos tamén que viñera o autobús, porque este barrio ten moita pendente e para a xente maior era moi preciso. Abriuse a rúa Xunqueira de Espadanedo, que levamos 20 anos pedindo e ata que se expropiou non foi posible, e foi un logro grande porque se pasaba unha señora con bolsas e viña un coche non collían, agora pasan dous coches, hai beirarrúas, farolas, etc.Tamén se mellorou en materia de seguridade cidadá, porque había focos de venda de droga e conseguín que a Policía Nacional os eliminase”.
Cales son as carencias que aínda sofre o barrio?
M.C.: “Aínda temos rúas moi estreitas, nas que só colle un vehículo e o peatón non ten sitio para pasar, como a rúa de Esgos; ou a de Pobra de Trives, na que hai un sendeiro que pecharon.
No ámbito dos xardíns, quitaron os columpios en dous ou tres e non os volveron colocar.
Hai rúas nas que os veciños se queixan de que o barrendeiro non pasa, eu xa o solicitei pero dinme que non hai persoal suficiente.
Ademais, levo anos denunciando na Policía Local que na rúa de Xoán de Nóvoa aparcan os coches en dobre fila xunto a unha cafetería que hai na curva, e está prohibido, pero a policía non actúa. As paradas de autobús tamén están cheas de vehículos. E non fai falla máis plantilla, fai falla que actúen os que hai.
Cos cans tamén temos problemas, porque moitos fan as súas necesidades nos xardíns e os donos non as recollen, e levamos así 20 anos, e é tan sinxelo como poñer dúas sancións, para que o resto aprendan”.
Como ten sido a resposta dos políticos ás súas demandas?
M.C.: “Estando o PP no goberno local fixéronse moitas cousas, nestes oito anos moi pouco. Pedimos melloras en cinco ou seis rúas e fixeron unha chapuza, botaron gravilla e aos oito días estaba nas beiras, esa non é forma. Era mellor que arranxaran tres ben a seis así. As cousas ou se fan ben, ou non se fan.
Si que pedimos cousas, pero non se fixeron. Mandamos ao Concello unha media de 12 escritos por ano e no 99% dos casos dan por resposta o silencio. Polo menos que nos digan se é si ou non, se non se pode facer non pasa nada, pero non se pode consentir este pasotismo. E vas preguntar por un escrito e non aparece, eu creo que nin os len porque se os lesen algunhas cousas iríanse facendo, porque a inmensa maioría do que pedimos dende as asociacións son cousas pequenas e básicas: pintar un paso de peóns, poñer un banco, arranxar unha farola ou unha baldosa, reparar un columpio, limpeza… Pero para iso fai falla vontade, e uns concelleiros que cada seis meses visiten os barrios e tomen nota do prioritario e se vaia facendo, pero teñen que traballar e saír da praza Maior e dos bares de arredor e estar en contacto coas asociacións e respetalas.
No movemento veciñal non se cobra nada, nós só queremos mellorar os nosos barrios e facémoslles todo o traballo e nin nos escoitan. E eles teñen un soldo bo e teñen que traballar, porque para iso está tanto o goberno como a oposición, para mellorar a cidade. Pero os concelleiros só queren saír na foto. O que non é normal é que pase o ano e nin os vexas no barrio, só veñen nas eleccións.
E pensan que están por enriba da xente, pero os votos póñente no teu sitio, e hoxe gobernas pero en catro anos se non cumples póñente fóra, como debe ser.
Se atenderan o que lle trasladamos dende as asociacións terían á xente máis contenta, e terían outra valoración. Pero os políticos teñen que ser humildes, contar a verdade, ser traballadores e facer o que se poida”.
Reuniuse recentemente co novo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, como foi a xuntanza?
M.C.: “Vinlle bastante disposición, tomou nota do que lle dixen. Fíxenlle un pequeño resumo das cousas que precisamos, quedaron moitas para ir falando máis adiante. Pero eu espero feitos, non son persoa de palabras, que non valen para nada.
Pedinlle que se desenvolva dunha vez o PXOM, que se atendan as alegacións para non ter que facer outro e gastar outro millón e pico de euros, que vai en prexuízo das obras que non se poden facer. E tamén tratamos o transporte metropolitano, que levamos 15 anos para que se poña en marcha. Eu teño recortes de prensa de 2010 e 2012 de promesas incumpridas, porque a maioría dos políticos minten de maravilla e quedan tan tranquilos”.
Os barrios están discriminados en relación ao centro?
M.C.: “Totalmente. Unha asociación de veciños no centro non ten apenas traballo, claro que teñen algúns problemiñas, pero non compares cun barrio coma este, con problemas de seguridade, limpeza, alumeado, rúas, medio ambiente, de todo. O centro como se ve máis fano sen pedilo, iso é o que me parece a min”.
Como é responder ante os veciños cando as peticións non son nin contestadas?
M.C.: “A nós o Concello déixanos quedar mal, porque fartámonos de pedir as cousas por rexistro e logo non se fan e os veciños pensan que non fas nada. A xente espera que esas cousas pequenas nun prazo de tres meses se resolvan, non que pasen anos e nada”.
Tantos inconvintes chegan a desanimar?
M.C.: “Hai veces que te cansas, levo moitos anos loitando. A única satisfacción que me queda é que houbo melloras no barrio grazas ao que pelexei. Pero deixei de ir ás xuntas de área porque vin que non servían para nada, nin te escoitan, e eles cobran 86 euros, eu nada”.
A asociación organiza tamén actividades.
M.C.: “Temos bastantes actividades, agora en verán paran, pero en setembro volven. Os luns temos informática, os martes canto e pandeireta co grupo de cantareiras, os mércores hai memoria ou manualidades, os xoves baile rexional, e o venres ensaia a charanga Os Centellas da asociación.Ademais, facemos o magosto, a festa do socio, etc. Agarimo está aberta para todo mundo”.
Que mensaxe lle mandaría aos políticos ourensáns?
M.C.: “Que teñen que cambiar, que a xente está cansa, quere ver outra maneira de facer as cousas, outro respecto, non vale iso de vivir da marca, hai que demostralo.
Teñen que escoitar ás asociacións, contestar aos escritos dicindo se se pode facer ou non, e atender antes as peticións das asociacións cas dun particular.
Ao novo goberno voulle ir trasladando as cousas, dareille tempo, pero estarei atento e se non hai unha resposta na medida en que sei que se pode facer criticareino, como fixen ata agora. E se o fan ben tamén o direi”.