O Festival Reperkusión celebrará a súa 13ª edición en Benposta os días 11 e 12 de setembro, coa súa popular mestura de músicas de todos os estilos e procedencias.

O venres 11 pasarán polo escenario os británicos Asian Dub Foundation Sound System, John Pandit (Pandit G), Dakidarría, os gaditanos Trashtucada, e TranceUntes.

O sábado 12 chegarán os latinoamericanos afincados en Barcelona Che Sudaka, os bosnios Dubioza Kolectiv, os valencianos La Trocamba Matanusca; e os galegos Chotokoeu.

Como nas edicións anteriores, haberá programación de día e de noite con numerosas actividades abertas ao público: humor, exposicións, teatro de rúa, pasarrúas, djs, obradoiros, mercadiño e o XIII encontro de malabares e artes do circo. Haberá tamén, unha nova edición da Empolada e varias sorpresas e novos espazos que se desvelarán ao longo das próximas semanas.

Venda de entradas
As entradas están á venda a través da web www.reperkusion.com cunha oferta especial para as 500 persoas máis rápidas, só ata o 31 de xullo, de 15 euros máis gastos de xestión o abono de dous días ou 20 euros, se é con acceso á zona de acampada.