O novo alcalde de Barbadás, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, detállanos como atopou o Concello e como ten previsto solucionalo.

Xosé Carlos Valcárcel, economista de 51 anos, responsable administrativo comercial dunha compañía aseguradora, é desde hai pouco máis dun mes o novo alcalde de Barbadás. Os socialistas gobernan o quinto concello da provincia en coalición co BNG, logo de 28 anos de goberno do PP. A herdanza recibida –en forma de partidas esgotadas no orzamento- é o que máis está a pesar nestes primeiros días de mandato.

Como atopou o Concello de Barbadás?
Xosé Carlos Valcárcel: “É un concello con moita potencialidade, moi dinámico, pero ten moitísimas carencias en dotacións e servizos básicos. Falo do centro de saúde, que por fin se adxudicou e penso que antes de finais do ano que vén debería estar rematado. Falta unha segunda gardería infantil, temos un polideportivo moi cativo, fáltanos un centro de día público e fáltanos unhas piscinas climatizadas, e as piscinas que temos agora son moi pequenas para a poboación que hai. Todos os servizos e dotacións que ten un concello das dimensións de Barbadás acá non os hai.
Iso é algo que 28 anos de goberno do PP non conseguiu solventar nin puxo os medios para solvéntalo. E, ademais, atopámonos cun problema grave: que en moitas das áreas de actividade do goberno, das concellerías, o que nos quedou do presuposto é mínimo, algunha partida concreta está en números vermellos. Esa é a realidade do que nos atopamos, imos traballar con iso e sacarémolo adiante, teño que ser optimista e vouno ser”.

Parece que non lle están dando os 100 días de gracia desde a oposición?
X.C.V.: “Non. Cando che deixan moitas das concellerías baleiras de dotación económica, xa se ve que aí non hai ningún tipo de período de gracia. Por exemplo, para obras temos 7.500 euros ata final de ano, o mesmo ocurre en parques e xardíns, deportes, para arranxar a piscina municipal tivemos que quedar prácticamente en números vermellos.
Agora empezan a presentar propostas, que tiveron ocasión ao mellor de realizar eles nos últimos 28 anos. Falaron estes días dunha rebaixa do valor catastral cando tiveron dous anos para poder solicitalo.
Dame a sensación que queren facer unha oposición bastante demagóxica e sen ter presente o que eles non fixeron, cousa que non vexo en positivo. Nós queremos traballar para o futuro, temos unha herdanza, pero non queremos aferrarnos a ela, queremos ilusionar aos veciños en positivo”.

A voceira do PP di que hai case un millón de euros do remanente de tesouraría para utilizar.
X.C.V.: “Queren terxiversar ou manipular á opinión pública. Unha cousa é o remanente de tesouraría, que son 925.000 euros, e outra cousa o orzamento do concello para 2015.
O orzamento é o que permite traballar na actividade diaria, elaborar actividades, arranxar as rúas, prestar servizos sociais…
O remanente de tesouraría ten que estar destinado a unhas cuestións que están taxadas por lei: o primeiro é a amortizar débeda cos bancos; que afortunadamente non a hai, e dígoo tamén.
E despois pode ir destinado a novas inversións que non supoñan un gasto adicional no presuposto. É dicir, arranxar unha rúa, pero non á actividade diaria: non pode ir destinado ao servizo de axuda no fogar, á gardería, a axudar a xente que pasa por problemas de pobreza enerxética, a xente que sofre desafiuzamentos… Co cal o día a día do concello é o orzamento, non o remanente”.

Entón será prioridade máxima elaborar o novo orzamento e aprobalo en prazo?
X.C.V.: “Exactamente, evidentemente queremos aprobalo en prazo, e temos que traballar co pouco que nos deixaron. Co remanente de tesouraría faremos as obras oportunas, que beneficien á cidadanía, obras de interese xeral.
O lamentable do remanente é que non poida ir destinado a xente que realmente o necesita para saír desa situación precaria que provoca a crise económica. E aí por exemplo, xa non temos cartos, para o que é emerxencia social, a partida está esgotada. Estamos vendo de arbitrar os medios para poder aplicar máis diñeiro a esa partida”.

Cales foron as primeiras medidas que testemuñan a política de PSOE e BNG?
X.C.V.: “Non lle chamaría medida, hai unha cousa moi importante para os veciños: antes vivíamos nun concello moi pouco transparente, moi lonxano da realidade, creo que o que ten que marcar un goberno municipal en primeiro lugar é a proximidade, estar preto dos veciños e dos problemas.
Agora mesmo estamos revisando a relación de postos de traballo que non existía en Barbadás. Outra cuestión para nós fundamental e sobre a que había moitas queixas é a limpeza viaria, estase traballando nelo, reuníndonos cos responsables do servizo.
Tamén nos reunimos con todos os colectivos do concello, calquera persoa que chame ao alcalde ten acceso a el, iso xa marca unha diferenza moi importante.
E estivemos durante os primeiros 20 días loitando polo centro de saúde, finalmente foi adxudicado, pero leva seis ou sete anos de retraso desde que foi prometido.
Nós estivemos buscando unha ubicación máis axeitada para unha dotación que debería perdurar no tempo e finalmente a herdanza do PP é que non hai outro lugar onde ubicalo pero aínda así conseguimos que se adxudique”.

Como está a ser a relación con outras administracións?
X.C.V.: “Ata o de agora fomos moi ben recibidos. En reiteradas ocasións chamoume o responsable do Sergas, estiven reunido co delegado da Xunta, e este día 30 estarei co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que vén facer entrega dun vehículo para a Policía Local de Barbadás. Nós queremos colaborar leal e honestamente coa Xunta e Deputación”.

A administración local non pode facer fronte sóa ás inversións e infraestruturas que necesita.
X.C.V.: “Exactamente, o Concello necesita da colaboración da Xunta e da Deputación. Nós representamos aos veciños de Barbadás, non só aos que nos votaron, senón a todos, e son eles os que demandan esa colaboración. Independentemente da cor política que goberne en cada administración os veciños teñen que estar por riba”.

Como vai xestionar o novo goberno o urbanismo?
X.C.V.: “Hai un PXOM en estudo que suscitou debate. O goberno do PP consideraba prácticamente toda A Valenzá como solo urbano consolidado, que os construtores non tiñan que facer cesión do 10% do aproveitamento urbanístico, dábase por suposto que os viais e subministros xa estaban proporcionados polo concello e polo tanto facilitábase en gran medida que de novo A Valenzá sufrira un gran crecemento urbanístico; e pola contra, restrinxíase a construción no rural.
Agora ese plan está paralizado, retomarémolo pero con outros criterios, moito máis axeitado á realidade, evitando especulacións”.

Como se compaxina a vida persoal e profesional coas obrigas de ser alcalde?
X.C.V.: “Evidentemente non é fácil, o que pasa é que che ten que gustar, a min gústame a proximidade coa xente. Eu dedícolle o 20% da xornada laboral á actividade no Concello, creo que a actividade dun alcalde pode ser perfectamente compatible co traballo e isto é unha proba máis de que quero ser unha persoa próxima aos veciños, sabemos o que é a realidade laboral e cales son os problemas do cidadán.
Penso que non é de recibo, nos tempos que corren, dedicarlle ás arcas do Concello, polo tanto aos petos dos veciños, o soldo do alcalde. Témonos que esforzar en traballar, en compatibilizar as dúas actividades e creo que o faremos ben”.