Co voto favorable de PP, PSOE e BNG, e o voto en contra de DO.
A corporación provincial aprobou este mércores en sesión plenaria extraordinaria o réxime retributivo do novo mandato, co voto favorable do grupo de goberno popular e de PSOE e BNG, e o voto en contra de DO.
No que se refire ás dedicacións exclusivas, Manuel Baltar percibirá unha retribución íntegra mensual de 5.166,09 euros en 14 pagas; Jorge Pumar, vicepresidente segundo, un salario equivalente ao dun director xeral da Comunidade Autónoma, e Rosendo Fernández, presidente do Inorde, 3.916,92 euros de retribución íntegra mensual.
O PP terá un máximo de dúas dedicacións exclusivas e dúas dedicacións parciais ao 75 %, o grupo socialista a unha dedicación exclusiva e dúas dedicacións parciais ao 75 %, e non existirán cargos con dedicación nos Grupos de Democracia Ourensana e do BNG. Cada cargo en réxime de dedicación exclusiva terá unha retribución de 41.000 euros brutos anuais.
Ademais, Presidencia terá un xefe de Gabinete e un novo asesor, de Proxectos Estratéxicos.
Asemade, a Deputación abonará 900 euros mensuais a cada un dos catro grupos políticos, e outros 900 euros por cada deputado. A institución provincial tamén concederá persoal eventual a cada grupo político, co seguinte reparto: o grupo popular disporá de tres técnicos medios e catro administrativos, o grupo socialista disporá de dous técnicos medios e dos administrativos, o grupo de Democracia Orensana disporá de dous técnicos medios, e o grupo do BNG disporá dun técnico medio e un administrativo.
O sobrecusto nas retribucións á corporación e grupos (529.000 euros), máis outros investimentos previstos, requeriu da aprobación neste mesmo pleno dunha modificación orzamentaria de 2,1 millóns de euros procedentes de remanente de tesouraría. Tamén foi necesario aprobar a modificación da Relación de Postos de Traballo e o anexo de persoal.
Acordos do pleno
Nesta sesión plenaria extraordinaria deuse conta da constitución dos catro grupos políticos que conforman a Deputación Provincial, así como da designación de voceiros (Plácido Álvarez polo PP, Ignacio Gómez polo PSOE, Gonzalo P. Jácome por DO e Ramiro Rodríguez polo BNG)
Tamén se informou de que as sesións ordinarias do pleno da corporación terán lugar o último venres de cada mes, ás 10:00 horas, no Pazo Provincial, da designación de membros da Xunta de Goberno e de vicepresidentes, da delegación de responsabilidades a cada deputado do grupo de goberno, da composición de seis comisións informativas permanentes.
Asemade, designáronse os cargos e representantes da Deputación no Inorde (Rosendo Fernández como presidente), nos consorcios contra incendios, na sociedade Aquaourense, na comisión liquidadora de Urbaourense.
Outros acordos
A corporación provincial aprobou a modificación do convenio co Club Ourense Baloncesto (COB) para o uso do Pazo dos Deportes “Paco Paz”, acordo que amplía 50 anos a utilización destas instalacións deportivas, ata o 2070.
Outro dos acordos foi o de destinar 434.000 euros ao programa Educou, que desenvolverán conxuntamente Deputación e Xunta de Galicia, para obras de reparación e acondicionamento en centros educativos da provincia.
Tamén se aprobou un préstamo participativo para Meisa, da que agora é accionista a Deputación, por importe de 324.158 euros, para contribuír a impulsar o proxecto da estación de montaña de Cabeza de Manzaneda.
A sesión tamén incluíu a modificación da ordenanza que regula os prezos públicos pola prestación de servizos e a realización de actividades no Paco Paz e noutras instalacións deportivas da Deputación, e a modificación das obras incluídas no Plan Provincial por parte dos concellos do Carballiño, A Mezquita, Parada de Sil e Vilar de Santos.