A construción da circunvalación será outra das prioridades para este mandato para o alcalde popular de Xinzo de Limia.

 

O alcalde de Xinzo recíbenos no seu despacho de Alcaldía, logo de atender a un veciño tras outro durante case unha hora. Unha realidade que é a habitual de todos os días, segundo nos comenta, teñan ou non cita.

Na entrevista previa ás eleccións comentábanos que a limpeza era unha das dificultades coas que se atopaba o Concello de Xinzo, como levan esa problemática?
Antonio Pérez: “Xa tomamos cartas no asunto, baldeouse con auga parte das rúas e das prazas. O problema que tiñamos é que levaba averiada mes e medio unha pick up que tiñamos con auga para a limpeza; tivemos que pedir fóra e tardou máis do previsto, xa a temos funcionando. Á parte, trouxemos un camión baldeador cun pequeno acordo ca Deputación para ir solventando o tema.
Pero quero recordar tamén que moitas veces cando pasan os barrendeiros as 8 ou 9 da mañá a rúa queda limpa e ás 11 xa está chea de papeis e de cabichas. Á parte de facer incidencia no tema de limpeza imos ter que facer incidencia no tema do civismo, ás veces vexo papeleiras que están baleiras e a varios metros o chan cheo de papeis…
É un dos temas que dixemos que imos priorizar, pero iso non significa que non se estivera facendo. Eu non recordo que esta vila estea máis sucia que hai dous, cinco ou dez anos”.

Naquela entrevista tamén se refería á circunvalación como unha das prioridades deste mandato, como van as xestións?
A.P: “Xa houbo entrevista coa conselleira de Medio Ambiente en Santiago e coa ministra de Fomento Ana Pastor, aproveitando que estivo hai un par de semanas en Ourense. Eu tiven un aparte con ela para levarlle en man un pequeno dossier sobre ese asunto, e con Ethel Vázquez estiven fai dez días falando, entre outras cousas, da circunvalación.
É algo complexo, con moito coste económico; todos falaban nas eleccións da circunvalación pero ninguén dicía por onde, nós temos claro por onde vai ser, témolo definido e cuantificado”.

Por onde se construiría?
A.P: “O que plantexamos é partir desde a estrada de Baltar que a fixemos nova fai cinco anos, que é unha gran vía de comunicación con Portugal, de aí iría á pista da Armada, á pista Real, pasaría pola rotonda do pavillón, pola ponte nova que fixemos no río agora con dobre circulación, de aí ata a estrada de Celanova e de aí ao acceso á autovía. Sería a circunvalación natural, non hai que expropiar nin facer macroproxectos que ao final quedan abandonados.
As grandes infraestruturas para poder permitir a circunvalación están feitas, agora o que hai que facer é ampliar eses viais que xa existen, facer beirarrúas nalgún caso, noutros botar aglomerado, meter saneamento e servizos…
Pretendemos facelo en varias anualidades coa colaboración de todas as outras administracións porque é un montante económico importante. É un dos nosos obxectivos prioritarios para esta lexislatura”.

Os socialistas pedían estes días que defendese aos regantes de Lamas Ganade.
A.P.: “Coma sempre xa chegaron tarde. A conselleira de Medio Rural estivo aquí fai 15 días con catro representantes de ADEGAL e conmigo e co tenente de alcalde e viu falar do tema do regadío.
Recordo que a primeira fase fíxoa o PP, os que piden agora o regadío durante oito anos que gobernaron en Madrid, cal foi a achega económica ao regadío? Cero euros.
A seguinte fase son 850 hectáreas, cun custo de 6,5 millóns de euros. Eu o outro día lle puxen enriba da mesa á conselleira que era algo ao cal non iamos renunciar nesta lexislatura, tiña que ser si ou si. Esta nova fase do regadío para a comarca da Limia é clave, é fundamental”.

Cal foi a resposta da conselleira?
A.P.: “Ela ten perfectamente definido todo e eu quedei en chamala ao final de mes para ver a fórmula a aplicar; podería ser Consellería, Ministerio de Medio Ambiente a través da Confederación Hidrográfica, xunto cunha achega ao mellor da Deputación, habería que velo, a través de convenios coas diferentes administracións. Ela quedou en estudalo, eu a final deste mes chamareina ou irei a Santiago para ver xa se ten definido ou falou co Ministerio, incluso se houbera liñas de fondos europeos, que non o sei”.

O Concello de Xinzo é o segundo máis endebedado da provincia, como afecta ao día a día da Administración local?
A.P.: “Collín o Concello como o collín, coa herdanza que o collín, e nós baixamos un 20% a débeda, 1,5 millóns de euros, non sei se a xente non lle dá importancia, nos tempos que corren que non é nada fácil. E iso é froito da nosa xestión; recurtamos gastos xerais: alumeado, electricidade, telefonía, fixemos auditorías enerxéticas, na piscina cambiamos dun sistema de gasoil a biomasa…
E ninguén fala de Allariz, ten 5,5 millóns de euros de débeda, a metade de poboación que Xinzo, a metade de ingresos da participación do Estado, e parece que non pasa absolutamente nada, parece que é un concello dez, un concello que fai todo ben. Hai cousas que me pasman, eu levo aquí cinco anos como alcalde non 30, o Concello de Allariz que eu saiba leva gobernado polo BNG moitas décadas”.

De todas maneiras vostede herdou o posto dun Goberno popular.
A.P.: “Si, pero independentemente de quen o herdara, eu collín o Concello na situación que o collín, dame igual que sexa dun Goberno popular, do PSOE ou do Bloque, de Podemos ou de quen sexa. Eu cando asumín isto estaba na situación que estaba e o que fixen foi baixar a débeda en máis dun millón e medio de euros e ímola seguir baixando”.

Con algunha medida extra?
A.P.: “Nós estamos tomando todas as medidas que se poden tomar e algunha máis; estamos a ampliar a inspección tributaria a edificios que estaban sen pagar IBI e demais durante un montón de tempo.
Nesa mesma liña tamén nos valeu moito, hai que recoñecelo, que pasamos do ano 2011 de 20 empresas no polígono industrial a 36 empresas en 2015, iso loxicamente corresponde a novas contribucións, novos IAEs, etc. , que ten axudado”.

Como se tomou a sentenza que anulaba dúas oposicións realizadas polo seu goberno no anterior mandato?
A.P.: “Non sei por que me preguntan a min iso. Convócanse dúas oposicións, unha libre á que se podía presentar calquera e se presentaron 17 aspirantes e outra de promoción interna na que participaron só tres persoas. Eu para evitar suspicacias xa non quixen poñer a ninguén do Concello nos tribunais e pedín persoal a Xunta e Deputación para unhas oposición, nin sequera formei parte dese tribunal. Queremos seguir mareando a perdiz? Pois sigamos mareando a perdiz”.

Cada vez a xente demanda máis transparencia e a participación cidadá nas administracións, como a aplica o Concello de Xinzo?
A.P.: “Transparencia aquí total, cando falan os grupos da oposición de que non hai transparencia… non hai ningún escrito nin petición dos grupos da oposición sen contestar.
A páxina web do Concello imos mellorala. As ordenanzas e resolución do Concello están todas publicadas na web, calquera grupo pide calquera asunto e ao día seguinte vén aquí a consultalo ou se lle dá por escrito. E eu recibo a todo o mundo”.